Medio Rural e do Mar, Mocidade
Deputación de Lugo

Mocidade colabora co Concello de Barreiros na renovación de espazos deportivos e de ocio nas parroquias

VICEPRESIDENCIA DEPUTACIÓN LUGO
Mónica Freire
mocidade
Concello de Barreiros
PISTAS DEPORTIVAS
OCIO

Medio Rural, Mar e Mocidade da Deputación de Lugo colabora co Concello de Barreiros na mellora de  espazos deportivos e de ocio nas parroquias. A deputada Mónica Freire e a alcaldesa barreirense Ana Ermida veñen de asinar un convenio de 13.000 euros para dotar de novo mobiliario pistas deportivas e outras instalacións destinadas ao ocio infantil, contribuíndo a completar o proxecto do Concello para que todas as parroquias dispoñan dalgún espazo ou equipamento para a actividade física e o ocio ao aire libre. 

Os investimentos novos consistirán na adquisición de tres xogos de canastras que se instalarán nas pistas de Reinante, San Bartolo e San Xusto; e catro porterías para colocar en Cabarcos, Vilamartín Grande, San Xusto e Gondán.

Mónica Freire sinalou a “importancia de compartir obxectivos común entre as administracións para poder colaborar nos investimentos que se decidan  para vertebrar territorialmente os nosos concellos; dando a oportunidade á súa poboación - neste caso á infancia e mocidade, que serán o motor futuro do País- de desfrutar de servizos de proximidade con independencia de onde naceran ou escolleran residir; contribuíndo humildemente deste xeito a paliar o despoboamento dos nosos municipios e creando un sentimento de pertenza orgullosa ao territorio”.

Os traballos de reposición do novo equipamento realizaranse nas vindeiras semanas, para completar os de reparación de material que o Concello ven desenvolvendo nos últimos meses e continuar noutros espazos que están pendentes de arranxar.