Medio Rural e do Mar, Mocidade
Deputación de Lugo

Medio Rural da Deputación colabora na mellora do servizo de abastecemento en Barreiros

VICEPRESIDENCIA DEPUTACIÓN LUGO
medio rural
SERVIZO DE ABASTECEMENTO
Mónica Freire
Concello de Barreiros
A área provincial achega 33.400 euros para actuacións no depósito de auga potable de San Miguel de Reinante

Medio Rural da Deputación de Lugo e o Concello de Barreiros asinaron un convenio de colaboración para levar a cabo melloras no depósito de abastecemento de auga potable situado na Barranca, en San Miguel de Reinante. Concretamente, a achega da área dirixida por Mónica Freire permitirá dotar a instalación dun centro de transformación completo e a impermeabilización dun dos vasos que compoñen o depósito, unha actuación que mellorará a eficiencia do servizo de abastecemento.

A deputada, que visitou a instalación xunto á alcaldesa Ana Ermida e a concelleira de Saúde Pública Montse Porteiro,  parabenizou ao goberno municipal polo traballo desenvolto nestes anos en materia de abastecemento e manifestou que “a área que dirixo e a Deputación sempre estarán apoiando este tipo de investimentos que redundan nunha mellora dos servizos que recibe a veciñanza.” Destacou "a priorización que se fixo en Barreiros nestes anos á hora de decidir investimentos e buscar finanzamento, poñendo sempre por diante as necesidades reais da poboación e fuxindo de estridencias ou investimentos moi visibles, pero con menos utilidade.”

Respecto das melloras, Montse Porteiro sinalou que con esta intervención “conseguirase aumentar o subministro desde este depósito o que provoca maior subministro de auga de calidade -xa que esta auga supera en calidade á da ETAP principal de Celeiro-; baixar o custo que supón o servizo ao concello, xa que ao ser de maior calidade necesita menos tratamento, e ademais desde esta captación non é necesario ningún bombeo xa que discorre en toda a rede por gravidade incrementando así a sustentabilidade do servizo e a súa eficiencia.”

As actuacións contan cun orzamento total de 40.656,53 €, dos que a área de Medio Rural achega 33.400 euros e o Concello, 7.256,53€.