Deputación de Lugo

O Presidente visitou á agrupación Saudade de Barcelona, que leva 40 anos divulgando a identidade galega en Cataluña

Barcelona
José Tomé Roca coñeceu a sede que o colectivo ten no barrio de Horta, onde se imparten clases de música e baile rexionais, ademais de ser punto de encontro e de celebracións das máis de 400 familias que forman parte desta asociación

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, visitou a sede da Agrupación Cultural Galega Saudade de Barcelona e mantivo un encontro con membros da directiva para pulsar máis de preto a realidade do día a día do colectivo, que leva 40 anos divulgando a identidade galega en Cataluña. No encontro tamén participaron os alcaldes de Navia de Suarna, José Fernández, de Pedrafita do Cebreiro, José Luis Raposo, e de Cervantes, Benigno Gómez. 

Tomé Roca coñeceu as instalacións que ten a asociación e comprobou o alto de volume de actividade que desenvolve, sendo un polo cultural para a comunidade galega en Cataluña. Ademais, contan cun obradoiro de instrumentos de madeira, unha colección de traxes tradicionais feitos polo colectivo, unha rica biblioteca de libros en galego e con diferentes salas de reunións e informática.

O Presidente subliñou que “son os mellores embaixadores da provincia de Lugo”. Neste sentido, recoñeceu que “xogan un papel fundamental para dar a coñecer a nosa provincia, a diversidade e a riqueza das nosas paisaxes, tradicións, cultura, historia e gastronomía”.

Na actualidade, a agrupación cultural Saudade oferta unha gran variedade de actividades culturais e sociais. Imparten clases de música e baile tradicional galego, ademais de contar con espazos de reunión para socios e para non socios. Nestas instalacións festéxase o Magosto, as Letras Galegas, o Día de Santiago ou as festas dos barrios. 

Sede

A agrupación foi creada en 1982 por un grupo de galegos e galegas co obxectivo de promocionar a cultura de Galicia en Cataluña. Está ubicada en Horta, onde se demandaba un centro no que desenvolver distintas actividades que cubriran o espazo existente na vida social galega en Barcelona. Actualmente, conta con máis de 400 familias asociadas e conta cunha sede na rúa Chapí dende 1988, que antes foi fábrica de curtidos de pel.