Cultura
Deputación de Lugo

A Vicepresidencia da Deputación leva a Sarria unha mostra con gaitas de toda a Península, que abre cun concerto de Pablo Carpintero e Rosa Sánchez

VICEPRESIDENCIA DEPUTACIÓN LUGO
ARTESANÍA E DESEÑO
GAITAS
Sarria
Efrén Castro convidou a achegarse a exposición “ coñecer en profundidade a historia dun dos instrumentos centrais da nosa música tradicional, que nos vincula con outras culturas”

A mostra poderá verse no Antigo Cárcere do 3 ao  16 de febreiro

 O Cárcere de Sarria acollerá do 3 ao 16 de febreiro unha exposicion de gaitas de fol da Peninsula e outros instrumentos musicais, promovida pola Vicepresidencia da Deputación de Lugo, a través do Centro de Artesanía e Deseño.

A mostra, coordinada por Pablo Carpintero e Rosa Sánchez, inaugurarase ás 19.30 horas, cun concerto didáctico no que os músicos explicarán a través de distintas melodías e instrumentos a evolución da música como manifestación cultural esencial.

O deputado de Artesanía e Deseño Efrén Castro destacou que “se trata dunha mostra que permite coñecer en profundidade a historia dun dos instrumentos centrais da nosa música tradicional, que nos vincula con outras culturas da Península”  e incidiu en que “esas conexións culturais están ligadas á influencia do Camiño de Santiago, no que Sarria é un punto de referencia”.

Exposición: As gaitas de fol da Península Ibérica e Baleares

A exposición contén unha viaxe pola historia das gaitas de fol, así como unha explicación das diferentes culturas que a empregan na Península Ibérica e Baleares. Nela amósanse réplicas e orixinais antigos de máis de corenta gaitas de fol diferentes, así como numerosos instrumentos de percusión que as acompañaron, facendo especial fincapé naqueles empregados polas mulleres. Contén tamén 30 paneis explicativos,  adicados a explicar a historia da gaita a través do tempo e as características de cada unha das culturas que empregan este instrumento.

A mostra divídise en cinco partes:

Na primeira explícase a orixe da gaita de fol a partir dos antigos instrumentos soprados directamente coa boca, amosando modelos de gaitas moi primitivas como as norteafricanas ou algunhas aínda conservadas en Galiza, así como diversos modelos de gaitas e instrumentos medievais relacionados con elas.

Na segunda parte ensínase como aprendían os nenos galegos, repetindo exactamente a historia da gaita de fol na secuencia de instrumentos musicais que empregaban para chegar á gaita de fol dos adultos: desde as sinxelas gaitas de palla, pasando polos instrumentos soprados directamente coa boca, idénticos aos da antigüidade, ata poñerlles a estes un pequeno fol e construír modelos como as gaitas de fol máis primitivas.

A terceira parte está dedicada á construción das gaitas, un proceso que non variou substancialmente dende a Idade Media ata principios do século XX. Amósanse as ferramentas antigas que empregaron os artesáns peninsulares e explícase con detalle o proceso de construción.

Nunha cuarta parte ensínase como os instrumentos que acompañaron ás gaitas de fol variaron ao longo da Historia. Na Idade Media e Renacemento, a gaita tocaba soa, con óboes ou acompañada por instrumentos femininos, dos cales expoñemos máis de trinta diferentes. Durante os séculos barrocos, a gaita asociouse cos tamboriteros de frauta e tambor, un feito que acabou por conducir ao seu acompañamento cos grandes tambores militares. Finalmente, a finais do século XIX os instrumentos das bandas populares, como caixas, bombos, clarinetes, etc., pasaron tamén a acompañar á gaita de fol. Todas estas modalidades perduraron nunhas ou outras culturas ibéricas ata a actualidade.

Posto que todos os instrumentos que empregaron as mulleres do noroeste valeron tamén para acompañar a gaita de fol, á parte de xogar un papel fundamental na nosa música tradicional máis cotián, dedícanse dous expositores a amosar estes instrumentos: pandeiras, pandeiretas, ferreñas, pandeiros, etc.

A última parte da exposición fai un percorrido polas diversas culturas peninsulares e insulares nas que a gaita de fol chegou ata nós, adquirindo en cada caso características propias.

 Así,  recolle a grande variedade de modelos achada en Galicia, algunhas moi relacionada coas principais rutas do Camiño de Santiago: as gaitas da Terra Chá e a gaita de ronquillo Chairega, as gaitas da Galiza central, a gaita de ronquillo da Zona Occidental, a gaita de catro voces de Arzúa e Terra de Melid ou a gaita de barquín e a primitiva rosca, ambas conservadas no Baixo Miño.

Despois exploráse a variedade de gaitas que se atopan nas rutas xacobeas: polo Camiño do Norte,  as gaitas da zona entre o Eo e o NAvia, dacabalo entre Asturias e Galiza, a gaita Asturiana e gaita Cántabra. O Camiño Francés lévamos polas gaitas Bercianas e a visitar as gaitas de boto aragonesas así como os sacs de gemecs cataláns e as súas irmás, as xeremies mallorquinas.

O camiño xabrés conduce por outras tres culturas ben diferenciadas entre si que empregan a gaita de fol: a Xabresa, a Alistana e a Trasmontana, xa en Portugal. Por fin, o Camiño Portugués atravesa as principais zonas do pais veciño que conservaron a gaita de fol: o distrito de Entre-Douro-e-Minho, as gaitas Coimbrás e as gaitas Estremenhas, gaitas estas, as Lisboetas, que reflicten o gran intercambio cultural sucedido entre Lisboa e Galicia no século XVIII e XIX.

Outros  expositores céntranse en amosar instrumentos que acompañaron á gaita de fol ao longo da historia, como os salterios, dos que temos importantes iconografías en Galicia, a frauta e o tambor dos tamboriteiros, tan ben conservados no Bierzo, as frautas ou os clarinetes.

Concerto: Música e evolución

Este concerto didáctico pretende amosar e por en valor o noso patrimonio cultural musical, pero tamén falar da música como manifestación cultural esencial para os humanos. Así, no concerto explícanse as últimas teorías científicas sobre o que é a música e que o sentido que tivo e ten dentro da nosa evolución como especie. O discurso vai guiado pola analoxía que existe entre a evolución da nosa especie nos últimos catro millóns de anos e o desenvolvemento musical das nenas e dos nenos galegos. É pois un concerto que pertence á disciplina da biomusicoloxía.

Neste concerto tocamos con 43 instrumentos musicais diferentes, dos máis de 160 documentados en Galicia. Por outra parte, este concerto contén tamén unha fonda revisión do papel esencial que as mulleres xogan na música humana.

Vai dirixido a todo tipo de público, pois aporta información relevante sobre a nosa evolución como especie e os procesos de evolución cultural. Tamén pretende por en valor e dar continuidade a un coñecemento propio e substancial da nosa cultura.