Deportes e mocidade
Deputación de Lugo

A Vicepresidencia da Deputación apoia a creación do equipo de baloncesto en cadeira de rodas Fundación Breogán Diversia

VICEPRESIDENCIA DEPUTACIÓN LUGO
EFRÉN CASTRO
Deportes
BALONCESTO EN CADEIRA DE RODAS
FUNDACIÓN BREOGÁN DIVERSIA
BALONCESTO ADAPTADO
O proxecto de Fundación Breogán e Xuncas Diversia, que amplía o acceso ao deporte en Lugo, arranca o 10 de marzo co primeiro adestramento

A Vicepresidencia da Deputación de Lugo apoia a creación do equipo de cadeira de rodas Fundación Breogán Diversia. A través da colaboración coa Fundación Breogán, a área de Deportes apoia este proxecto que ofrecerá a posibilidade de practicar baloncesto adaptado en Lugo.

O obxectivo é consolidar un grupo de persoas que adestren semanalmente e sentar as bases para formar un equipo cunha actividade regular e continuada, que permita aproveitar os beneficios do deporte para as persoas, tanto no plano físico como emocional e social.

Os adestramentos comezarán o vindeiro 10 de marzo no Complexo Deportivo de Frigsa - de 11:30 a 13:00 -. Dirixiranos Ángel Nadela e Karols Szluc, xogador do Abeconsa Basketmi de Ferrol que, durante a presentación do proxecto, relatou a súa propia experiencia.

O deportista polaco destacou que “o baloncesto permite que as persoas que teñen que empregar cadeiras de rodas acaden maior autonomía en actividades cotiás e xenera vínculos que axudan a que as persoas que perden mobilidade por accidentes ou enfermidades se adapten as novas circusntancias.

O deputado de Deportes Efrén Castro saudou a iniciativa que “amplía o acceso ao deporte en Lugo e aproveita a experiencia que teñen cidades como Ferrol para sacar adiante este tipo de proxectos deportivos, que melloran a vida das persoas e reforzan a sociedade no seu conxunto”.

As persoas interesadas en participar na actividade poden anotarse a través dun formulario electrónico dispoñible na web da Fundación Breogán. O equipo facilitará as cadeiras de rodas deportivas e o material necesario para os adestramentos.