Deputación de Lugo
Infraestruturas

A Deputación de Lugo aproba investimentos por máis de 1,2M€ no cinto comarcal ao seu paso por Guntín, Cospeito e Castro

rede viaria provincial
A Xunta de Goberno acordou licitar dous contratos para obras de mellora na LU-P-1611, que inclúen a limpeza de cunetas e renovación do firme e sinalización

A contratación por máis de 120.000€ o acondicionamento da estrada LU-P-0406, que une Martín, en Baleira, e Crende, no municipio de Pol

A Xunta de Goberno da Deputación de Lugo aprobou este venres a licitación de obras por 1,2M€ no cinto comarcal de Lugo ó seu paso por  Guntín, Cospeito e Castro de Rei. Así o informou este venres a Voceira socialista do Goberno, Pilar García Porto.

Por unha banda, a institución provincial mellorará a LU-P-1611 á altura de Guntín cun investimento de practicamente un millón de euros. “Renovaremos o firme en 10,5 quilómetros, cun prazo de execución de dous meses. As obras consisten na reapertura de cunetas, a pavimentación con aglomerado en quente e a sinalización”, explicou.

Entre o investimento dun millón de euros que aprobamos hoxe e o de 315.000€ que acordamos na Xunta de Goberno da semana pasada para a estrada LU-P-2901, entre Lugo, Palas e Guntín, superamos os 1,3M€ para actuacións en estradas provinciais de Guntín”, afirmou García Porto. Unhas obras que benefician á veciñanza deste concello porque que facilita a comunicación coa capitalidade da provincia, mellorando o acceso a servizos como o Hospital ou actividades administrativas. 

Pilar García Porto destacou que, por outra banda, aínda que tamén no cinto comarcal,  se acordou “sacar a licitación unha obra por un importe de 165.000€ para a rehabilitación do firme nun tramo de case 3 quilómetros, á altura dos concellos de Cospeito e Castro de Rei”. Os traballos inclúen a limpeza de laterais e obras de drenaxe, así como a pavimentación en tres treitos: do punto quilométrico 2,450 ó 2,750; do 5,200 ó 6,500 e do 7,300 ó 8,600. Tamén se renovará a sinalización horizontal e vertical. 

Por outra banda, a Xunta de Goberno aprobou a licitación por máis de 120.000€ dun contrato para a mellora dos cinco primeiros quilómetros da LU-P-0406, a estrada que une Martín, no concello de Baleira, e Crende, no municipio de Pol. 

A maiores deste investimento, García Porto lembrou que para esta estrada a Deputación tamén destinou outros 129.000€ para arranxar os danos que sufriu esta calzada á altura do punto quilométrico 2,700 polas fortes choivas do mes de xaneiro. Polo tanto, entre as obras xa aprobadas e as licitadas hoxe, o orzamento nesta estrada chega ós 250.000€, recordou a voceira. 

Humanización en Muras

En materia de obras, a Xunta de Goberno aprobou a licitación para a humanización do Campo da Feira do Viveiró, no concello de Muras. A Deputación de Lugo achega para esta actuación 409.000€ de orzamento en dúas anualidades, o que representa practicamente o 90% do importe total necesario para acometer as obras, mentres que o 10% restante, ata chegar ós 460.000€, son asumidos polo Concello de Muras.

“Estes traballos servirán para facer máis accesible e cómodo, e para dar unha nova imaxe a este espazo público, que acolle citas de gran importancia para o concello e para a comarca como pode ser a Feira do Mel”, explicou a Deputada.

Instalacións en Belesar

Noutra orde de asuntos, na Xunta de Goberno desta mañá aprobouse a apertura do procedemento de concorrencia pública para adxudicar por concurso a explotación das instalacións provinciais situadas en Belesar, xunto ao embarcadoiro, no concello do Saviñao.

“O canon será de 385€ ao mes. Habitualmente, este espazo está destinado a labores de restauración, pero as persoas e empresas interesadas deberán presentar un proxecto para explicar o tipo de negocio que queren desenvolver. A concesión será por dous anos, con dúas prórrogas anuais, polo tanto, ata un máximo de 4 anos”, sinalou García Porto.

Remanentes do Plan Único

A Xunta de Goberno aprobou a solicitude dos concellos de Guntín e O Vicedo para investir os remanentes do Plan Único de Cooperación cos Concellos do ano 2022 en novas actuacións. En concreto, o Concello de Guntín investirá preto de 8.000€ na reparación do acceso ó núcleo de Pradeda, uns traballos financiados integramente con fondos do plan provincial. Pola súa banda, o Concello do Vicedo poderá investir máis de 9.000€ no acondicionamento de dúas vías públicas en Santo Estevo do Vicedo. Neste caso, a institución provincial achega 7.500€ do total.

Emprego

Así mesmo, a Xunta de Goberno deu luz verde ás bases para a ampliación das listaxes de emprego para prestar servizos temporais en postos de administrativo e traballador social na institución provincial. As bases serán publicadas nos vindeiros días no Boletín Oficial da Provincia e compartido na web da Deputación de Lugo.