Cooperación concellos
Deputación de Lugo

O Presidente e a Alcaldesa de Lugo asinan o acordo co que a Deputación renovará a rúa San Isidro Labrador cun investimento de 165.000€

concello de lugo
“Como sempre facemos na Deputación, anunciamos esta obra con feitos”, subliñou José Tomé Roca, pois, unha vez firmado o convenio de colaboración, co orzamento consignado e co proxecto xa redactado, a institución licitará “de inmediato” os traballos para acometelos no verán e telos listos a principios de outono

A institución provincial financia integramente a actuación nesta vía do barrio da Piringalla, que consiste na reposición da práctica totalidade das beirarrúas, na pavimentación, sinalización, instalación dun novo sistema de desaugue de pluviais e substitución da rede de abastecemento actual

“Continuamos coa relación de diálogo e colaboración entre a Deputación e o Concello para mellorar espazos públicos, a mobilidade, a comodidade e a seguridade dos veciños” con proxectos coma este, que “crean contornas urbanas máis agradables, fomentan a convivencia e a identidade de barrio, e a actividade económica”, destacou o Presidente

O Presidente da Deputación, José Tomé Roca, e a Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez López, asinaron este xoves o convenio de colaboración entre ambas administracións para a renovación e mellora da rúa San Isidro Labrador, no barrio lucense da Piringalla. Unha actuación financiada integramente pola institución provincial cun investimento de preto de 165.000€.

No acto tamén se presentou o proxecto técnico das obras, redactado pola Deputación e  que consiste na reposición da práctica totalidade das beirarrúas, na pavimentación do firme, na renovación da sinalización, na instalación dun novo sistema de desaugue de pluviais e na substitución da rede de abastecemento actual, de fibrocemento, por tubaxes de fundición dúctil.

“Como sempre facemos na Deputación, anunciamos esta obra con feitos”, subliñou o Presidente, pois, unha vez firmado o convenio de colaboración, co orzamento consignado e co proxecto feito, a institución licitará “de inmediato” os traballos para acometelos no verán e, con dous meses de prazo de execución, telos listos a principios de outono.

Con esta actuación, Deputación e Concello atenden unha petición veciñal, dentro do “diálogo e a colaboración permanente” que manteñen o Presidente e a Alcaldesa de Lugo “para mellorar os espazos públicos, a mobilidade, a seguridade e a comodidade dos veciños e veciñas deste barrio e de toda a cidade”, asegurou o mandatario provincial, quen lembrou que precisamente nesta zona a institución colaborou hai dous anos para acondicionar unha nova praza-xardín, coa cesión da Fonte das Lavandeiras, de Francisco Pérez Porto. 

“Actuacións que crean contornas urbanas máis agradables, que facilitan o paseo, a convivencia e a identidade como barrio, e que, ó mesmo tempo, favorecen a actividade económica, dado o perfil comercial e hostaleiro desta rúa e de toda esta zona”, sinalou.

No acto, que tivo lugar esta mañá na confluencia entre a rúa San Isidro Labrador e a Avenida da Coruña, acompañaron ao Presidente e á Alcaldesa o Deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, e o Concelleiro de Medio Rural e Medio Ambiente, Miguel Fernández.

As obras

O proxecto contempla a retirada do firme e da práctica totalidade das beirarrúas existentes, a substitución da rede de abastecemento, que é de fibrocemento, por unha rede de tubaxes de fundición dúctil, a reposición das marxes para o paso dos peóns con loseta hidráulica, a colocación dun novo bordo e dun novo sistema de desaugue de pluviais, a repavimentación da calzada con aglomerado en quente e a sinalización, tanto horizontal como vertical.

“Proxecto de desenvolvemento claro”

O Presidente subliñou que para seguir avanzando, “Lugo precisa proxectos coma este, que responde ás necesidades que nos plantexan os veciños, a un proxecto de desenvolvemento claro, e ó modelo de cidade que impulsa a Alcaldesa de Lugo, e que apoiamos dende a Deputación”.

Resposta a unha demanda veciñal

A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, destacou que con esta obra “damos resposta a unha demanda veciñal que me fixeron cando melloramos a rúa Manuel María, momento no que nos pediron un cambio de beirarrúas en San Isidro Labrador”, e engadiu que “quixemos ir más alá e renovar tamén a rede de abastecemento, en consonancia coas actuacións que estamos a desenvolver desde o Concello de cambio das tubaxes de fibrocemento polas de fundición, moito máis seguras, máis respectuosas co medio ambiente e que causan logo menos problemas no día a día da cidadanía”.

A rexedora agradeceu a sensibilidade da Deputación de Lugo para financiar esta obra, atendendo así as nosas demandas e necesidades, “e non como outras administracións onde non atopamos as portas abertas; ás veces parece que Lugo está illado por parte do Goberno galego”, comentou. Incidiu, así mesmo, en que “é unha obriga das Administracións traballar conxuntamente en favor da cidadanía ao marxe das cores políticas que gobernen en cada concello”.

Méndez lembrou que o Concello está a traballar na mellora de varias rúas na cidade nos distintos barrios para acadar unha mellor calidade de vida da veciñanza”.