Medio Rural e do Mar, Mocidade
Deputación de Lugo

Arte e natureza conviven no souto de Humboldt , un novo espazo para admirar o patrimonio natural da montaña lucense

VICEPRESIDENCIA DA DEPUTACIÓN DE LUGO
medio rural
CIENCIA NA ALDEA
SOUTO DE HUMBOLDT
DIVULGACIÓN CIENTÍFICA
A inauguración deste espazo realizouse no marco das xornadas Ciencia na aldea, organizadas pola área de Medio Rural e a Asociación Corripa

As xornadas Ciencia na aldea, organizadas pola área de Medio Rural da Deputación de Lugo e a Asociación Corripa, abeiraron a inauguración do “Souto de Humboldt”, un bosque de castiñeiros centenarios na contorna do ecomuseo de El País del Abeyeiro, en Negueira de Muñiz, que conxuga arte e natureza. 

Un paseo guiado polo prestixioso botánico Bernabé Moya, experto internacional en árbores monumentais, e Floreal Uría, natural de Penadanogueira, serviu para dar a coñecer este espazo no que os castiñeiros se erguen xunto a deseños do recoñecido artista David Despau, retratos de figuras fundamentais no estudo da natureza como o propio Alexander Von Humboldt - pioneiro do pensamento ecolóxico-, Félix de Azara, Charles Darwin, Carlos Linneo ou Maria Sybilla Merian, referentes da divulgación científica como o británico David Attenborough ou figuras literarias como Rosalía de Castro.

Máis de 100 persoas asistiron á xornada, na que se presentou un vídeo de Yago Mazoy que pode verse nesta ligazón. Ademais, a xornada de portas abertas incluíu actuacións de Davide Salvado, que rescatou xunto a Fransy González algunhas pezas do folclore, do artista salmantino Alonso Jimeno e dos divulgadores científicos Natalia Ruiz e Manuel González , que presentaron un espectáculo no que reivindicaron a figura de  Jocelyne Bell e o papel da muller na ciencia.

Ciencia na aldea, referencia para a divulgación científica

A inauguración do "Souto de Humbouldt" é o legado material da terceira edición das xornadas Ciencia na aldea que, nunha edicion máis, promoveron a reflexión sobre a importancia do rural para a conservación da biodiversidade, a través dun completo programa de conferencias e mesas redondas nas que participaron  investigadores e especialistas en divulgación científica de todo o Estado.

O encontro, para o que se cubriron todas as prazas dispoñibles, estase convertendo nunha referencia para a divulgación cientifica polo nivel das ponencias e a boa acollida entre as persoas asistentes, que valoraron a singularidade de organizar un evento deste calibre en Penadanogueira, unha aldea de montaña na que só viven tres persoas.