O Agrocuir sitúa á Ulloa esta fin de semana como referente na reivindicación da diversidade no rural coa apoio da Deputación
García Porto destacou que a Deputación volve a apoiar á organización deste evento porque “promove o turismo e a economía, pero tamén porque é un encontro a prol dun rural vivo e diverso, e que traslada valores como o feminismo, cos que nos sentimos firmemente comprometidos nesta institución”
O festival contará neste formato máis reducido con menos espazos. Polo escenario principal, que estará instalado na praza do Froito, pasarán artistas do panorama nacional e galego; na Área da Peneda terá lugar o Cuirathlon; e no Souto do Caracho desenvolveranse obradoiros e actividades culturais
A Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, presentou este martes no Pazo de San Marcos, xunto aos representantes do Colectivo Agrocuir, Marta Álvarez Quintero e Marc San Barón, a oitava edición do Festival-Romaría Agrocuir, que sitúa á comarca da Ulloa esta fin de semana, do 25 ao 26 de agosto, como referente na reivindicación da diversidade sexual e de xénero no rural co apoio da Deputación de Lugo.
Na presentación do evento, García Porto destacou o apoio un ano máis da institución provincial á organización deste festival, ao que achega un importe superior aos 5.000€, e tamén coa súa difusión, porque, subliñou, “este tipo de eventos que promoven o turismo e a economía son necesarios para o desenvolvemento equilibrado do noso territorio, pero tamén porque Agrocuir é un encontro a prol dun rural vivo e diverso, e que traslada valores como o feminismo, cos que nos sentimos firmemente comprometidos nesta institución”.
Agradeceu o traballo que está a facer o colectivo da Ulloa “por conseguir que Monterroso, a comarca da Ulloa e a provincia de Lugo sexan un referente pola igualdade e na loita polo rural”. Deste xeito, o que nacía como un evento cultural hai máis dunha década por iniciativa dun grupo de amigos da Ulloa, incidiu García Porto, “é hoxe un referente en toda España en defensa da liberdade e pola sostibilidade da vida nas aldeas”.
Así mesmo, loou a Deputada provincial a decisión da organización de moderar o crecemento que estaba a experimentar o evento, que se celebrará cun formato máis pequeno, regresando ás súas orixes de romaría.
Ao remate, Pilar García Porto animou a veciños e visitantes a achegarse esta fin de semana á comarca da Ulloa “para desfrutar da música e das actividades programadas, e vivir unha experiencia diferente en espazos únicos”.
Un formato máis reducido pola sostibilidade
O Festival-Romaría Agrocuir 2023 contará nesta nova edición máis reducida cun formato con menos espazos. Desde a organización, destacou Marta Álvarez Quintero, membro do colectivo Agrocuir, que quixeron “decrecer porque viamos que o éxito dos anteriores anos estaba a poñer en risco a sostibilidade da comarca”. “O festival volve a ser unha verbena, tal e como reflexa o deseño do cartel ”, explicou Quintero.
Neste senso, o escenario principal estará instalado na praza do Froito, e por el pasarán artistas do panorama nacional e galego, como Bewis de la Rosa, Nelu Vermouth, Mondra, as Djs Saya e Nenaza, Neno do Rubio, ou As Lagartheira.
O evento arrancará este venres 25, ás 17:00 horas, co Cuirathlon na área da Peneda. O sábado 26 pola mañá haberá obradoiros no Souto do Caracho, e pola tarde cantos de tabernas que animarán o ambiente polos establecementos da localidade. As drags Meiga -i e Nenaza tamén amenizarán a xornada coa venda de rifas, que xa se poden adquirir a través da páxina web do festival: https://festivalagrocuir.wordpress.com