A Deputación aposta polo turismo sostible, de experiencia e de proximidade en Expocidades
A Deputación de Lugo estará presente dende este xoves ata o próximo domingo na feira de turismo do Eixo Atlántico, Expocidades, para promover os recursos patrimoniais, culturais, naturais e gastronómicos da provincia de Lugo. A entidade transfronteiriza organiza esta cita no Parque Urbano de Ermesinde, en Valongo, co obxectivo de dar a coñecer os recursos dos concellos galegos e os municipios portugueses.
A presenza nesta cita, na que a institución provincial conta cun expositor, enmárcase na participación da Deputación de Lugo en diferentes eventos nacionais e internacionais para a promoción dos recursos turísticos da provincia. Ademais, o organismo provincial leva a cabo diferentes actividades ou propostas xa consolidadas como Coñece a túa Provincia, que favorecen o modelo turístico de calidade, proximidade, experiencia e sostible no que se traballa.
A VII edición de Expocidades é unha ferramenta de promoción do turismo de proximidade das cidades do Eixo Atlántico. Busca promover as cidades no seu medio de mercado inmediato, así como tamén aproveitar para favorecer a relación directa entre produtores turísticos e comercializadores. Esta feira de turismo celébrase desde 2013, tan só interrompida polos dous anos de pandemia.
Até o 10 de setembro daranse a coñecer os diferentes lugares e os seus produtos gastronómicos co obxecto de identificar posibles destinos de proximidade que visitar durante unha fin de semana. Cos 30 expositores que acoden este ano, cubrindo así a totalidade do territorio da Eurorrexión, preténdese dende o Eixo Atlántico impulsar un turismo de proximidade alcanzable, de calidade e centrado na saúde, natureza, patrimonio e gastronomía.
Nesta edición, por primeira vez, Expocidades integrarase tamén coa Feira de Produtos Tradicionais do Eixo Atlántico, un evento que se vén organizando desde hai unha década en diferentes cidades e que conta coa participación de produtores tradicionais e de excelencia de Galicia e o Norte de Portugal. Este programa, liderado polo Barco de Valdeorras, forma parte das actuacións do Eixo Atlántico para impulsar o desenvolvemento económico e fixar poboación nos territorios de menor densidade demográfica. Neste caso, promóvense espazos de comercio para os pequenos produtores e artesáns tradicionais.
Igualmente, nesta ocasión, a feira de turismo celébrase conxuntamente con Expoval - Mostra do Concelho de Valongo que, na súa 15ª edición e baixo o tema Valongo, Serras do Porto, pretende promover un novo concepto de emprendemento e de afirmación territorial.