Deputación de Lugo

A Deputación acolle na Granxa Gayoso Castro o XV Curso de Xuíces Gandeiros de Raza Rubia Galega

FORMACION
Rubia Galega
ACRUGA
O Deputado de Recursos Sostibles deulle a benvida ás persoas participantes na acción formativa que arranca hoxe e rematará o sábado cunha práctica en Expolugo

Francisco Cajoto subliñou o “compromiso claro” da institución co sector primario, “como un dos grandes motores económicos da provincia”, que se materializa en gran medida na propia Granxa Gayoso, na que desenvolve “unha ampla actividade destinada a apoiar as explotacións gandeiras de vacún de carne e de leite”

O Deputado de Recursos Sostibles, Francisco Cajoto Caserío, deulle a benvida este martes ás persoas participantes no XV Curso de Xuíces Gandeiros de Raza Rubia Galega, que desenvolve a Asociación Nacional de Criadores de Gando Vacún Selecto de Raza Rubia Gallega (ACRUGA) nas instalacións da Granxa Gayoso Castro da Deputación, situadas en Castro de Rei. 

Francisco Cajoto subliñou o “compromiso claro” da Deputación co sector primario, como “un dos grandes motores da provincia, en termos de xeración de emprego, de dinamización económica, pero tamén para o coidado do medio ambiente, para a ordenación do territorio, e para todo o que ten que ver coa preservación da nosa identidade”. Un compromiso, explicou o Deputado, que se “materializa en gran medida na Granxa Gayoso, cunha ampla actividade destinada a apoiar ás explotacións gandeiras de vacún de carne e de leite, que desenvolvemos en colaboración con entidades como é ACRUGA, no caso da Rubia Galega”. 

Neste caso, coa actividade formativa que arranca hoxe, a Deputación busca “seguir mellorando o coñecemento da Rubia Galega e das súas características, tanto morfolóxicas, como xenéticas, para continuar avanzando así na promoción e mellora desta raza, e, polo tanto, das propias explotacións gandeiras, o que, sen dúbida, repercute no desenvolvemento da nosa provincia”.

Dúas xornadas de formación

A décimo quinta edición do Curso de Xuíces Gandeiros de Raza Rubia Galega arrancou este martes cunha introdución ao libro xenealóxico e coa explicación teórica e práctica sobre a cualificación lineal como método de selección de futuros reprodutores da raza. Os participantes adquirirán conceptos básicos para xulgar aos animais de aptitude cárnica formándose sobre o prototipo racial para poder valorar os exemplares. 

Mañá mércores, a formación continuará ao longo da mañá con prácticas de valoración dos animais nas instalacións da Granxa Gayoso Castro. E o sábado, 7 de outubro, os alumnos poñerán en práctica os coñecementos adquiridos no Pazo de Feiras e Congresos a través dunha actividade de valoración morfolóxica dos animais que participan nos certames da Mostra Agrogandeira A Rural, Expolugo, dentro das festas patronais do San Froilán. Ao final da xornada farase entrega dos diplomas acreditativos e terá lugar a clausura do curso.