Deputación de Lugo
Economía

O Presidente destaca á empresa Torre de Núñez como exemplo das potencialidades industriais da provincia

Torre de Núñez
O Corgo
emprendedores
José Tomé Roca participou este martes no décimo aniversario da planta de secado de xamóns, “unha cifra redonda que marca dun xeito simbólico a madurez dunha iniciativa, demostrando que o proxecto lanzado no seu momento se fixo con sentido, con garantía”

O mandatario provincial destacou a capacidade da firma “para xerar emprego e riqueza, e para levar o nome de Lugo fóra das fronteiras da nosa provincia” e subliñou a importancia de “respaldar” desde as institucións o talento e as ideas emprendedoras

Puxo en valor tamén o compromiso da Deputación de Lugo co sector primario e o rural “como parte fundamental da construción do futuro da nosa provincia”

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, participou este martes no acto do décimo aniversario da planta de secado de xamóns que a empresa cárnica Torre de Núñez ten no concello do Corgo. Unha cita na que o mandatario provincial destacou á firma lucense, con máis de 50 anos de historia, como un “exemplo das potencialidades industriais da provincia e da capacidade dos empresarios lucenses para competir con éxito nun mercado global”.

No acto participaron tamén o Presidente de Torre de Núñez, Manuel Núñez Aldegunde; o Delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco; o Presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda; e o Alcalde do municipio, Felipe Labrada; entre outras autoridades. A cita, organizada por Torre de Núñez, contou cunha visita guiada polas instalacións da nave e unha degustación de produtos.

Tomé Roca puxo en valor os dez anos da planta de secado, “unha cifra redonda que marca dun xeito simbólico a madurez dunha iniciativa, demostrando que o proxecto lanzado no seu momento se fixo con sentido, con garantía, con boa planificación”.

“A andaina que puxeron en marcha Manuel José Núñez e María Asunción Torre é un exemplo de receita intelixente, que aposta pola modernidade, partindo das tradicións gandeiras e de elaboración de embutidos da nosa provincia”, destacou o Presidente da Deputación. Unha receita, que segundo apuntou, aplican os de Torre de Núñez “adecuando a presentación dos seus produtos ós cambios na demanda e na dieta dos consumidores. Que reinviste continuamente os seus beneficios para mellorar as instalacións, incorporar novas tecnoloxías, aplicar novas estratexias de márketing ou abrir novos mercados”.

O mandatario provincial subliñou a capacidade de Torre de Núñez “para xerar emprego e riqueza, e para levar o nome de Lugo fóra das fronteiras da nosa provincia” e a importancia de “respaldar” desde as institucións o talento e as ideas emprendedoras.

A Deputación de Lugo co rural

José Tomé Roca sinalou durante a súa intervención que “na Deputación de Lugo vimos apoiando ó noso sector primario e ó noso rural como parte fundamental da construción do futuro da nosa provincia”, explicando que “o rural ten tradicións, produtos de primeira calidade e capacidade para competir con eles nos mercados, e o esforzo dos empresarios e empresarias debe ser acompañado de políticas que doten ó rural dos servizos, das infraestruturas e dos medios tecnolóxicos que lles permita desenvolver os seus proxectos”.

Nese sentido, rematou agradecendo o traballo de Torre de Núñez e o valor que aporta ao territorio, unha empresa cunha “traxectoria brillante”, “a mellor base para seguir conseguindo máis éxitos e progreso para a propia empresa e, en consecuencia, para o conxunto da provincia de Lugo”.