Deputación de Lugo
Infraestruturas

A Deputación de Lugo atendeu máis de 320 incidencias nas vías provinciais pola borrasca Aline

rede viaria provincial
Imaxe deputación de lugo

A Deputación de Lugo atendeu dende o mércores máis de 320 incidencias nas estradas provinciais polo temporal de intensas precipitacións e fortes rachas de ventos que afectan á provincia de Lugo como consecuencia da borrasca Aline. 

A institución provincial deu resposta inmediata a todos os problemas detectados e mantén aberta a totalidade dos 4.200 quilómetros da rede viaria da súa titularidade, incluídas as estradas afectadas polos recentes incendios.

Os concellos costeiros da Mariña Lucense foron dos máis afectados pola borrasca, aínda que tamén se rexistraron moitas incidencias en municipios máis de interior como O Valadouro e cara á Terra Chá, nos concellos de Xermade e Vilalba.

Na zona centro, atendéronse diferentes incidentes nos concellos de Sarria, Láncara, Paradela, Baleira ou Baralla; e no sur da provincia o servizo provincial de Vías e Obras tivo que atender as consecuencias do temporal ao seu paso por Chantada.

O vento foi o causante dos peores estragos nas estradas provinciais, provocando danos como caídas de árbores e polas. A auga tamén provocou pequenos escorregamentos de terra e bolsas de auga de menor importancia. Os técnicos valoraban esta mañá que o nivel dos ríos está lonxe de ser preocupante, polo que non se espera asolagamentos que obriguen a pechar vías provinciais.