Deputación de Lugo
Turismo

Éxito da xornada De Lugo a Ancares: La Vuelta 24 organizada pola Deputación como antesala da cita deportiva de proxección mundial

LA VUELTA 2024
Numerosos afeccionados do ciclismo seguiron no Pazo de San Marcos esta charla-coloquio na que o Presidente da institución provincial, acompañado polo director xeral da proba e o exciclista Fernando Escartín, deron os detalles da etapa 13

“Esta charla permite aos seguidores coñecer de primeira man os segredos dunha organización na que están involucradas miles de persoas e o impacto para o territorio en termos económicos e turísticos”, sinalou José Tomé

Guillén avanzou que tanto os equipos como todo o persoal que mobiliza este evento deportivo pasará a noite anterior e a seguinte á etapa 13 en Lugo. Detallou que participarán 176 corredores de 22 equipos, e mobilizarán a unhas 3.000 persoas

Escartín abre a porta á participación do esloveno Tadej Pogačar en La Vuelta deste ano, aínda que “non é habitual que os grandes corredores participen nas tres grandes probas, pero ao mellor quere afrontar o reto de ser o primeiro en gañar as tres”

Éxito da xornada ciclista De Lugo a Ancares: La Vuelta 24 que organizou este martes a Deputación de Lugo no Pazo de San Marcos. O Presidente da institución provincial, José Tomé Roca, o director da proba, Javier Guillén, e do exciclista Fernando Escartín, participaron na charla-coloquio sobre La Vuelta Ciclista a España que se celebrou no Salón de Actos da sede provincial e que contou coa asistencia de numerosos afeccionados do ciclismo e seguidores deste evento deportivo de referencia a nivel internacional. 

Durante a charla, José Tomé destacou a relevancia do paso de La Vuelta por Lugo xa que “supón unha grande proxección para a provincia tanto en termos económicos, como turísticos, dun valor incalculable”. Subliñou que eventos como este serven para achegar a emoción deste evento deportivo ao espectador. “Esta charla non só é interesante como antesala a La Vuelta, senón que tamén permite aos seus seguidores coñecer de primeira man os segredos dunha organización na que están involucradas miles de persoas e o impacto para o territorio en termos económicos e turísticos”, detallou. 

Pola súa banda, Guillén avanzou que tanto os equipos como todo o persoal que mobiliza esta cita ciclista pasará a noite anterior e a seguinte á etapa 13 en Lugo. Nese sentido, o director xeral de La Vuelta fixo alusión a datos interesantes da organización, como que este ano a cita deportiva contará con 176 corredores dun total de 22 equipos, mobilizando a un total dunhas 3.000 persoas. 

O evento ciclista, o máis importante do país e situado na elite xunto o Giro de Italia ou o Tour de Francia, conta tamén cun amplo dispositivo de seguridade composto por 8.000 policías e gardas civís para que todo se desenvolva da mellor maneira. A caravana de La Vuelta está composta por 1.100 vehículos lixeiros, 96 motos, 35 tráileres e 12 camións ríxidos de 7 metros, 26 autobuses para equipos e persoal de montaxe, 100 furgonetas, 7 helicópteros e 2 avións.

A cita conta este ano cunha achega da institución provincial de 40.000€ a través dun contrato de patrocinio coa entidade organizadora da proba, Unipublic. O percorrido da etapa 13 entre a capital da provincia e Os Ancares, pasará polos concellos de Lugo –inicio do percorrido co neutralizado, que percorrerá a Ronda da Muralla ata encarar a N-VI- O Corgo, Baralla, Becerreá e Cervantes.

Está previsto que, como en anos anteriores, La Vuelta sexa seguida por máis de 400 millóns de persoas dun total de 190 países, e como sinalou Guillén “excluído o fútbol, ningún deporte é quen de xuntar tanta xente”.

Preguntado polos afeccionados, Escartín sinalou a Ayuso e Carlos Rodríguez como os ciclistas españois que poderían ter máis proxección nas súas carreiras deportivas. Abriu a porta á participación do esloveno Tadej Pogačar na Vuelta, porque “non é habitual que os grandes corredores participen nas tres grandes probas -en referencia ao Giro e ao Tour de Francia- pero ao mellor quere afrontar o reto de ser o primeiro en gañar as tres”.

Asistiron tamén ao coloquio da tarde a Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto; o Deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón; a Deputada de Economía, Facenda e Especial de Contas, Carmela López; a Deputada de Muller e Igualdade, Marisol Morandeira; o Deputado de Formación, Ensino e Economía do Coñecemento e concelleiro en Lugo, Miguel Fernández; o Deputado de Medio Ambiente, Carlos López; e o Deputado de Recursos Sostibles, Francisco Cajoto. Acudiron tamén os Alcaldes dos concellos de Cervantes, Baralla e Pol, Benigno Gómez Tadín, Miguel González e Lino Rodríguez, entre outras autoridades.