Deputación de Lugo

O Presidente e o director de La Vuelta presentan unha etapa “emocionante” entre Lugo e Os Ancares

LA VUELTA 2024
José Tomé Roca
Presentación La Vuelta
- José Tomé Roca detallou no Pazo de San Marcos que o percorrido, previsto para o 30 de agosto, pasará polos concellos de Lugo, O Corgo, Baralla, Becerreá e Cervantes para encarar despois a ascensión ao Porto de Ancares pola súa vertente leonesa

- “Temos experiencia doutros anos, o retorno económico que xera a medio prazo en termos de turismo. Pero tamén sabemos todo o que reporta a curto prazo a organización dunha proba tan complexa coma esta, que mobiliza a miles de persoas”, subliñou

- A Deputación inviste 40.000€ para a celebración da competición ciclista a través dun contrato de patrocinio coa entidade organizadora da proba, Unipublic

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, presentou este martes xunto ao director xeral de La Vuelta, Javier Guillén, no Pazo de San Marcos a etapa número 13 desta cita deportiva que o vindeiro 30 de agosto percorrerá a provincia desde a capital e ata Os Ancares. Unha etapa “emocionante” que segundo explicou o Presidente sairá de Lugo cara a Montaña pasando polos concellos de O Corgo, Baralla, Becerreá e Cervantes para encarar despois a ascensión ao Porto de Ancares pola súa vertente leonesa.

“Temos experiencia doutros anos, o retorno económico que xera a medio prazo en termos de turismo. Pero tamén sabemos todo o que reporta a curto prazo a organización dunha proba tan complexa coma esta, que mobiliza a miles de persoas”, subliñou o mandatario provincial. A Deputación inviste 40.000€ para a celebración desta competición ciclista a través dun contrato de patrocinio coa entidade organizadora da proba, Unipublic. 

Sinalou o Presidente que esta cita “está na elite do ciclismo mundial, ao nivel do Giro de Italia ou o Tour de Francia, seguida por máis de 400 millóns de persoas de 190 países” e que o investimento da institución provincial xera así “un grado de exposición mundial imposible de alcanzar doutro modo”, valorando que “o retorno e moi superior ao gasto”.

Tomé Roca destacou que esta é, polo tanto, “unha das mellores formas de levar ó plano nacional e internacional a nosa oferta turística, e esa aposta que facemos por un modelo de turismo de calidade, non masificado, sostible e de experiencias” e que ademais La Vuelta “é tamén unha inspiración para todos, especialmente para aqueles máis novos, porque representa os valores ligados á excelencia deportiva: esforzo, compañeirismo, estratexia e competición”.

Tamén animou o Presidente a todas as persoas que o desexen asistir esta tarde, ás 18:00 horas, á charla sobre La Vuelta que organizamos  na Deputación con motivo da celebración deste gran evento deportivo. Baixo o título De Lugo a Ancares: La Vuelta 24 “será un encontro moi interesante para os afeccionados do ciclismo e seguidores de La Vuelta, porque contaremos coa presenza de Javier Guillén e o coñecido exciclista Fernando Escartín. Da súa man, teremos a oportunidade de coñecer os detalles da organización que fai de La Vuelta unha competición tan especial”.

No acto de presentación que tivo lugar esta mañá na Sala de Xuntas do Pazo de San Marcos participou ademais do Presidente e o director de La Vuelta, Fernando Escartín e un representante do grupo Carrefour, patrocinador principal da cita deportiva.

Un “etapón” con moita “épica” e cunha estética “extraordinaria”


Pola súa banda, Javier Guillén sinalou durante a presentación que hai moitas formas para definir unha etapa, pero que neste caso a mellor definición é a de “etapón” porque ten de todo: unha estética “extraordinaria” e grazas aos corredores unha extraordinaria “épica”. Explicou que serán 171 quilómetros con catro portos de montaña, o último de primeira categoría, nos Ancares, onde xa estivo La Vuelta, pero que o pelotón subirá por unha vertente “inédita”.

Escartín detallou ademais que o neutralizado terá lugar na capital da provincia, onde o pelotón dará unha volta completa pola Muralla de Lugo antes de coller rumbo pola estrada nacional N-VI en dirección ao Corgo.

A última vez que La Vuelta pasou pola provincia de Lugo foi no ano 2021, na etapa 19, entre Tapia e Monforte de Lemos. Foron 187,8 quilómetros, deles 139 por 12 concellos lucenses, e estivo considerada de media montaña.