Deputación de Lugo

O Presidente renova o compromiso da Deputación para “construír un futuro mellor para a provincia” no Día do Veciño

José Tomé Roca participou o domingo na 21ª edición deste encontro, que tivo lugar no Pazo de Feiras e Exposicións de Lugo e para o que a institución provincial destina 24.000€, para distribuír entre os asistentes produtos de proximidade

Os deputados de Promoción Económica e Social e Muller e Igualdade foron recoñecidos coa V de Veciño nesta cita que reuniu a unhas 5.000 persoas de diferentes entidades e colectivos da provincia

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, participou este domingo na 21º edición do Día do Veciño, organizado pola Federación de Asociacións de Veciños de Lugo no Pazo de Feiras e Congresos da cidade lucense, onde se xuntaron arredor de 5.000 persoas de diferentes entidades e colectivos da provincia. Esta cita conta cunha achega da institución provincial de 24.000€, destinados, entre outros fins, a distribuír  produtos de proximidade para dalos a coñecer.

José Tomé Roca renovou o compromiso de traballo da Deputación de Lugo “e seguir construíndo así o mellor futuro para a provincia”. “A veciñanza é precisamente para quen traballamos cada día dende a institución da man dos Concellos, para conseguir máis e mellores servizos, prestacións e infraestruturas, sobre todo no rural e que a xente non se siga marchando”, explicou.

O mandatario provincial animou ós asistentes a gozar dunha “festa de convivencia, de irmandade e para compartir o orgullo que sentimos como veciños da provincia”. Quixo felicitar ós deputados de Promoción Económica e Social e Tenente de Alcalde de Láncara, Pablo Rivera Capón, e de Muller e Igualdade e Alcaldesa de Guitiriz, Marisol Morandeira, recoñecidos coa V de Veciño nesta edición. “Este recoñecemento supón un inventivo para seguir escoitando e atendendo as necesidade dos veciños e veciñas, que é o noso obxectivo e a nosa obriga como representantes públicos”, aclarou.

O Día do Veciño, que reuniu a unhas 5.000 persoas, reflicte “a puxanza que vive o movemento veciñal na nosa provincia. Unha puxanza que, ó mesmo tempo, é un bo síntoma de boa saúde democrática, porque sen participación cidadá non hai democracia”,  destacou o Presidente.