Deputación de Lugo
Economía

O Presidente da Deputación reivindica na constitución do novo padroado da Fundación Democracia y Gobierno Local a revisión do financiamento das entidades locais

Concellos
José Tomé defendeu a necesidade de que, paralelamente á reforma da financiación autonómica, se cambie a municipal, e dotar así dos recursos económicos suficientes a concellos e deputacións para facer fronte ao amplo e custoso abano de servizos públicos que prestan á veciñanza. “É unha cuestión pendente no período democrático”, subliñou

O mandatario provincial participou este xoves en Madrid na renovación dos membros da entidade, da que forman parte 27 deputacións e un cabildo insular de todo o país e que busca incentivar a colaboración entre os gobernos locais intermedios para mellorar o seu funcionamento e o servizo á cidadanía

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, participou este xoves no Ateneo de Madrid na reunión constitutiva do novo padroado da Fundación Democracia y Gobierno local tras a celebración das eleccións municipais. Un encontro no que José Tomé reivindicou a necesidade de que, paralelamente á revisión do financiamento autonómico, se aborde tamén a reforma da financiación local, e dotar así dos recursos económicos suficientes a concellos e deputacións para facer fronte ao amplo e custoso abano de competencias e servizos públicos que prestan á veciñanza. Un volume de servizos incrementados aínda máis a raíz da pandemia, sobre todo en materia social, e un custe máis acentuado nos territorios eminentemente rurais, pola alta dispersión e o envellecemento da poboación. “Unha rúa dunha cidade pode ter o mesmo número de habitantes ca un municipio rural, pero os servizos como o lixo ou a auga son moito máis custosos”, recalcou o Presidente.

O mandatario provincial incidiu en que o financiamento local “non se revisou nin unha soa vez. É unha cuestión pendente no período democrático”, que debe abordarse de maneira inmediata.

“Tendo en conta que os concellos e as deputacións son as administracións máis próximas á xente e que as comunidades autónomas son unha sorte de novo centralismo, porque non irradian os fondos cara as entidades locais, faise imprescindible que teñamos un modelo de financiamento con máis recursos para atender ás necesidades da cidadanía”, explicou o Presidente.

Ademais de constituír o novo padroado, a Fundación Democracia y Gobierno Local aprobou na reunión de hoxe o orzamento da entidade para o 2024, de preto de 700.000€, e as súas liñas estratéxicas de actuación e funcionamento de cara ao vindeiro ano, estruturadas en catro eixos: actividades de investigación e estudo; formativas e divulgativas; publicacións; e de cooperación institucional. 

A Fundación Democracia y Gobierno Local é unha entidade sen ánimo de lucro, de carácter técnico, que foi constituída no ano 2002. Forman parte da mesma 27 deputacións e un cabildo insular de todo o país e busca incentivar a colaboración entre os gobernos locais intermedios para mellorar o seu funcionamento e o servizo á cidadanía.