Deputación de Lugo
Formación

A defensa contundente das titulacións do Campus de Lugo que fixo o Presidente da Deputación vese respaldada polo Claustro Universitario da USC

USC
Campus Terra
Na liña das reivindicacións feitas polo mandatario provincial, o equipo de goberno da Universidade acordou o seu “firme apoio ás facultades e escolas do Campus de Lugo”e comprometeuse “a continuar defendendo, de xeito decidido, as titulacións adscritas ás mesmas”

José Tomé agradeceu a iniciativa da USC e amosouse satisfeito porque as reclamacións que trasladou persoalmente ao propio reitor no seu momento desen os seus froitos. “É unha gran noticia para a provincia”

A defensa clara e contundente que fixo o Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, dende o primeiro momento no que saltou a posibilidade de recortes nas titulacións do Campus de Lugo viuse respaldada polo Claustro Universitario da Universidade de Santiago de Compostela que, na liña das reivindicacións do mandatario provincial, acordou o seu “firme apoio ás facultades e escolas do Campus de Lugo” e comprometeuse “a continuar defendendo, de xeito decidido, as titulacións adscritas ás mesmas”, segundo figura literalmente na acta da sesión ordinaria na que o equipo de goberno da USC aprobou a proposta.

Entre as accións consensuadas, a Universidade recolle singularmente continuar defendendo as titulacións esenciais no Campus de Lugo, con relación directa coa identidade da contorna e co tecido social e empresarial, no contexto do Campus Terra, recoñecido a través da significación como campus de especialización no sector agrario e forestal.

O Presidente agradeceu a iniciativa do Claustro e amosouse satisfeito porque as reclamacións que trasladou persoalmente ao propio reitor, Antonio López,desen os seus froitos. “É unha gran noticia para a provincia de Lugo porque a Universidade de Santiago comprométese decididamente a defender a oferta formativa do noso Campus, esixíndolle ademais á Xunta que cambie o decreto regulador das ensinanzas universitarias oficiais para pechar a porta aos recortes, xustamente a postura que marquei como Presidente da Deputación dende o primeiro momento”. 

Desta forma, o Claustro Universitario acordou demandar á Secretaría Xeral de Universidades da Xunta de Galicia a revisión inmediata do criterio relativo ao número mínimo de estudantes de novo ingreso nas titulacións de grao e mestrado universitario recollido no Decreto 222/2011, e solicitar tamén ao Goberno autonómico a revisión e modificación dos criterios de cómputo de alumnado de novo ingreso, particularmente no caso do estudantado que cursa programas de simultaneidade (dobres graos) ou graos abertos, así como aquel que procede de ciclos formativos de grao superior.

Por iniciativa do Presidente, o Goberno provincial elevou ao Pleno da Deputación unha proposta para esixir á Xunta de Galicia a modificación deste decreto, que foi aprobada pola unanimidade da Corporación. Así mesmo, o Parlamento de Galicia acordou de xeito unánime o mantemento das titulacións do Campus e cambio desta normativa a proposta do Grupo Socialista.

A Deputación é clave para o Campus

“Estamos comprometidos co Campus por convicción e por coherencia”, remarcouo Presidente, pois “a Deputación de Lugo foi clave para a propia creación do Campus Universitario, e ségueo sendo na súa mellora e defensa”. “A nosa aportación supera amplamente o millón de euros, e sitúanos como a Deputación Provincial de toda España que máis recursos económicos achega á Universidade pública”, asegurou.

José Tomé concretou que entre as diferentes vías de colaboración da Deputación coa USC destacan un convenio de colaboración anual de preto de 400.000€; a Granxa Experimental de Leite, “un laboratorio vivo do que non dispón ningunha outra Universidade do Estado”; a cesión gratuíta de terreos para facultades, centros de investigación e servizos educativos que xa están en funcionamento, e tamén para crear a nova Facultade de Formación do Profesorado; ou as prácticas do alumnado na propia institución.

“Cremos na educación pública, universal e de calidade, como ferramenta para garantir a igualdade de oportunidades, e cremos que o noso Campus é un dos grandes motores da provincia pola propia actividade que xera a comunidade educativa na economía local; porque nos axuda a reter e a atraer talento; e pola transferencia de coñecemento e innovación que faiaotecidoprodutivo, sobre todo ao primario”, sinalou o Presidente, que dixo estar disposto a “seguir colaborando e mesmo a intensificar esa colaboración, pero sempre en defensa dos intereses da provincia de Lugo”.