Medio Rural e do Mar, Mocidade
Deputación de Lugo

Veterinaria acolle desde o venres un curso sobre as funcións do veterinario de explotación en ganderías bovinas, porcinas e avícolas

COLEXIO PROFESIONAL DE VETERINARIA
GANDEIRÍA
Rural financia a participación no curso de profesionais lucenses a través da colaboración co Colexio Oficial de Veterinarios

O Colexio Oficial de Veterinarios desenvolverá do 15 marzo ao 26 de abril un curso sobre as funcións do veterinario de explotación en ganderías bovinas, porcinas e avícolas, coa colaboración de Rural da Vicepresidencia da Deputación de Lugo

O curso desenvolverase na Facultade de Veterinaria – os venres, do 15 de marzo ao 26 de abril- cun programa orientado ao cumprimento das funcións de supervisión e asesoramento que deberán desenvolver estes profesionais no ámbito das granxas, coa elaboración de plans sanitarios, de benestar animal, de xestión ambiental  ou de uso de antibióticos.

Rural da Vicepresidencia da Deputación mantén unha colaboración anual do Colexio Oficial de Veterinarios, contribuíndo á formación continúa destes profesionais fundamentais para a actividade gandeira. A achega da área provincial financia a participación no curso de profesionais lucenses.

O deputado Daniel García explicou que “a formación destes profesionais facilita que as ganderías conten co asesoramento preciso para cumprir coa normativa vixente e previr a aparición de enfermidades ou situacións que afecten ao benestar dos animais e  á rendibilidade das granxas”, ademais de apostar porque “Lugo sexa un lugar de referencia para profesionais e entidades  que traballan, desde distintos ámbitos, na profesionalización e no asesoramento do sector”.