Benestar Social e Igualdade
Deputación de Lugo

A Deputación colabora coa federación veciñal Lucus Augusti no Día do Veciño

Federación de Asociacións de Veciños
dia do veciño
O Presidente da institución provincial, José Tomé Roca, asinou co da entidade asociativa un convenio de colaboración ao que asistiu unha nutrida representación do colectivo, que aglutina a 300 asociacións e máis de 20.000 socios na provincia

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, asinou este venres no Pazo de San Marcos co presidente da Federación de Asociación de Veciños Lucus Augusti, Jesús Vázquez Varela, un convenio de colaboración a través do cal a institución provincial achega ao colectivo 18.000€ para a celebración do Día do Veciño deste ano.

No acto de sinatura, que contou cunha nutrida representación de veciños, o Presidente destacou o compromiso da Deputación co movemento veciñal, que aglutina a 300 asociacións e máis de 20.000 socios na provincia, porque “é un dos principais eixos de desenvolvemento e vertebración da provincia”. O mandatario provincial subliñou a importancia de fortalecer os lazos entre as administracións e o tecido asociativo para continuar promovendo o benestar e a calidade de vida da veciñanza.

Pola súa banda, o Presidente da Federación Veciñal Lucus Augusti agradeceu a colaboración da Deputación porque, “grazas á súa contribución, podemos seguir adiante con este tipo de citas tan importantes como o  Día do Veciño, unha xornada de festa e reivindicacións veciñais que reúne a 4.000 persoas cada ano en Lugo”. “Estamos a vivir unha situación complexa pola carencia de axudas doutras administracións e, se non fóra por esta institución provincial, sería máis custoso seguir con estas actividades tan importantes para todos os veciños e veciñas desta provincia”. 

A federación veciñal non fixou aínda a data oficial para o Día do Veciño 2024, que contará como en todas as edicións con actividades culturais, musicais e de convivencia, así como a entrega dos premios V de Veciño cos que a entidade homenaxea e recoñece o labor a prol da dinamización e promoción da provincia.