Comeza a conta atrás do festival Nos seus pés, que se celebra co apoio da Vicepresidencia
![](/sites/deputacionlugo.org/files/2024-04/FB_IMG_1713111393617.jpg)
Juan M. Crujeiras, Daniel Guzmán, Héctor López, Lucía Freitas, Javier Olleros, Iñaki Bretal, Javier Ponte, Javier González ou Xosé Magalhaes acompañarán a Alvaro Villasante na cociña do festival gastronómico e cultural “Nos seus pés”, que se celebrará o vindeiro 3 de maio nos Xardíns da Deputación de Lugo.
O evento, organizado polo chef lucense e o grupo Nove coa colaboración da área de Cultura da Vicepresidencia da Deputación, busca recoller fondos para a oenegué ProemAID, centrada no rescate e na atención a persoas en risco no mar.
Nós seus pés, que se ven celebrando en distintas localidades de Galiza co impulso de recoñecidos chefs, incluirá tamén música en directo e intervencións artísticas.
A conta atrás comezou este domingo cunha foto simbólica a carón da estatua de Castelao, na Rúa Raíña de Lugo, na que participaron o vicepresidente da Deputación Efrén Castro e o concelleiro de Infraestruturas Urbanas de Lugo Alex Penas.
A continuación, proxectouse o documental “24 millas”, dirixido por Asier García e Unax Blanco, que recolle o primeiro rescate no Mediterráneo realizado por ProemAID, no ano 2017, no Restaurante Paprica.