Deputación de Lugo
Economía
Emprego

A Deputación reafirma o seu compromiso coa Mariña e o sector pesqueiro na clausura de Expomar

Expomar
Burela
O Deputado de Recursos Sostibles, Francisco Cajoto, participou este xoves xunto á Alcaldesa de Burela e tamén Deputada provincial, Carmela López, no peche da 31ª edición das xornadas técnicas organizadas pola Fundación Expomar, que conta co apoio da institución provincial

O Deputado de Recursos Sostibles, Francisco Cajoto Caserío, participou este xoves xunto á Alcaldesa de Burela, tamén Deputada provincial e presidenta da Fundación Expomar, Carmela López, na clausura da 31ª edición das Xornadas Técnicas de Expomar, nas que durante dous días o porto de Burela se converteu na capital do mundo da pesca e da náutica.  

No acto oficial da clausura, Francisco Cajoto destacou o compromiso da Deputación coa Mariña e co sector pesqueiro apoiando, un ano máis, a celebración desta cita á que a institución provincial achega 12.000€ para a súa organización e celebración. Puxo en valor o Deputado as tres décadas de Expomar “estudando o mundo do mar, a súa problemática e as necesidades dos seus profesionais”. Segundo apuntou, “a pesca representa na nosa comarca e no conxunto da provincia unha riqueza socioeconómica que se mide en cifras do PIB, pero tamén nos intanxibles culturais e etnográficos. A pesca é un sinal de identidade tradicional, e mesmo un punto de integración para novas culturas, como demostra a importante presenza de xente do mar que son hoxe lucenses nados noutros países”.

Cajoto Caserío deu os parabéns á Alcaldesa polo seu “excelente traballo” na promoción de Expomar e no conxunto do concello. A rexedora e o seu equipo, asegurou, “están collendo o mellor de todo o que se fixo en Burela nestes anos, e  traballando para darlle un novo pulo e incrementar aínda máis o impacto e a pegada de acontecementos coma este”. Valorou as conclusións obtidas na nova edición destas xornadas para seguir afrontando os desafíos do sector no futuro, así como as altas cifras de participación rexistradas na feira, tanto de profesionais como daquelas persoas vinculadas ao mundo do mar e da pesca.