Medio Rural e do Mar, Mocidade
Deputación de Lugo

Barreiros acolleu unha xornada sobre a velutina, promovida pola área de Rural para formar a veciñanza en relación con esta especie invasora

DANIEL GARCÍA
Barreiros
Vespa velutina

As Escolas Vellas de San Miguel de Reinante acolleron esta mañá a xornada técnica “Convives ou combates. Ti elixes!” sobre a vespa velutina, organizada pola área de Rural da Vicepresidencia da Deputación de Lugo da man da Asociación Galega de Apicultura e do Concello de Barreiros.

O deputado Daniel García presentou a charla na que Joaquin Lozano, veterinario e asesor técnico de AGA, e José María Bello, apicultor e responsable da asociación no Morrazo, falaron sobre coñecementos e os recursos precisos para afrontar a proliferación desta especie invasora. O ciclo reprodutivo da velutina ou a elaboración, eficiencia e mantemento que requiren as trampas foron algúns dos temas que abordaron durante as súas intervencións.

Daniel García destacou a importancia destas iniciativas para “que a veciñanza teña os coñecementos necesarios para actuar na súa contorna máis inmediata fronte a esta problemática, que está afectando á apicultura, á produción froitera e agraria e á veciñanza en xeral”.

O coloquio forma parte dun ciclo impulsado pola área de Rural, con charlas nas diferentes comarcas -Lugo, Samos e Carballedo- que terá continuidade nos meses de verán con talleres prácticos.

En relación coa vespa velutina, a área de Rural da Vicepresidencia da Deputación de Lugo ven trasladando tanto no ámbito institucional como político a necesidade dunha abordaxe integral desta problemática por parte da Xunta de Galiza, que compense os danos causados nas producións melíferas e froiteiras pola vespa velutina e que reforce as accións de prevención e de investigación para frear a expansión desta especie  invasora.