Deportes e mocidade
Deputación de Lugo

Máis de 100 ciclistas participarán esta fin de semana no Enduro Monte Castelo de Burela, que conta co apoio da Vicepresidencia

Enduro Monte Castelo
DANIEL GARCÍA
Burela
Ciclismo

A Vicepresidencia da Deputación de Lugo colabora coa celebración da cuarta edición do Enduro Monte Castelo, que se celebrará esta fin de semana en Burela. A proba, Campionato Galego da modalidade, contará coa participación de máis de 100 deportistas galegos e de Asturias, de todas as categorías desde Cadete ata Master, femininas e masculinas.

A competición conta con cinco tramos cronometrados, en distintos circuítos, un deles cun percorrido enteiramente  urbano - que comeza a metros da Variante, nun dos puntos máis altos da vila, e que remata na Praza do Concello - e outros tres no Monte Castelo.

O deputado de Mocidade Daniel García, acompañado polo tenete alcaldesa de Burela Mario Pillado, mantivo este mércores un encontro cos organizadores da competición que coincidiron en valorar o percorrido urbano da proba, xa que achega esta modalidade ciclista a todos os veciños e veciñas da vila.

O responsable provincial destacou o traballo da organización para sacar adiante a proba, creando e acondicionando os distintos circuítos para a competición, e encadrou a colaboración “na aposta da  Vicepresidencia da Deputación por fomentar o deporte e aproveitar as posibilidades que ofrece o ciclismo, nas diferentes modalidades, para promocionar o territorio e consolidar eventos que dinamicen economicamente e socialmente as distintas comarcas”

A competición comenzará o sábado, día 25 de maio, cos adestramentos e os primeiros remontes do circuíto urbano cronometrados. O resto das probas serán o domingo, 26 de maio, comezando a xornada ás 9.00 horas ata completar a competición de enduro, con cinco tramos. En conxunto, o campionato conta con 28 quilómetros de percorrido e 1.400 metros en desnivel.