Cultura
Deputación de Lugo

O vicepresidente da Deputación acompaña ao estudantado do sur da provincia na defensa do galego

correlingua
Monforte de Lemos
Efrén Castro Caloto
600 alumnas e alumnos de oito centros da Ribeira Sacra participaron este venres en Monforte nunha no Correlingua, que conta co apoio da área de Cultura provincial

O vicepresidente da Deputación de Lugo Efrén Castro acompañou este venres ao estudantado da zona sur de Lugo que participou no Correlingua en Monforte de Lemos. A cita, que conta co apoio da área de Cultura da Vicepresidencia provincial, reuniu a 600 alumnos e alumnas de oito centros. Castro celebrou o éxito desta iniciativa que pon o foco na “reivindicación do uso do galego entre a xuventude e a rapazada, e que o fagan dun xeito festivo, sen prexuízos e desfrutando de todo o que ten que ofrecer o galego e a cultura”.

O Parque dos Condes reuniu aos mozos e mozas de colexios e institutos baixo o  lema  “Dende aquí ata acolá. Galego xa!”, reivindicando o uso da lingua galega na ensinanza e entre a mocidade. A xornada comezou cunha andaina e rematou coa lectura do manifesto por parte do alumnado do IES A Pinguela. A nota musical púxoa Mekánika Rolling Band e o acto estivo animado por Fran Rei, que puxo o toque de humor.

Neste encontro participaron o CEIP Ricardo Gasset do Incio e, de Monforte o IES Daviña Rei, Ies Val do Asma, CPR Ferroviario, IES A Pinguela, CEIP A Gándara, CPR Plurilingüe Colexio Esxolapios e CEE Infanta Elena.

A vindeira semana será a quenda do alumnado da Mariña, que se reunirá en Burela o mércores 29, sendo a última parada desta edición do Correlingua. Neste caso a praza da Mariña acollerá a festa que contará coas actuacións de Paco Nogueira e o grupo Cuarta Xusta.

Os obxectivos das actividades desenvolvidas desde a asociación son a reflexión sobre a situación da lingua e a importancia de activar as accións a prol dela, sensibilizar a sociedade, a través da poboación infantil e moza, da importancia da defensa da lingua, asociar o uso do idioma a actividades colectivas, lúdicas e de interacción entre o alumnado de diferentes centros e localidades e contribuír a manter vivo o maior patrimonio creado polas galegas e os galegos.