Cultura
Deputación de Lugo

De Ninghures porá o peche á Foliada A Chocolateira da Pontenova, que se celebra o 1 de xuño co apoio da Vicepresidencia da Deputación de Lugo

A Pontenova
Foliada A Chocolateira
IRIA CASTRO

A Praza dos Fornos da Pontenova acollerá este sábado  -1 de xuño- unha nova edición da Foliada A Chocolateira, organizada pola Asociación Cultural Eco das Minas coa colaboración da Vicepresidencia da Deputación de Lugo e o Concello da Pontenova.

A  deputada de Cultura Iria Castro achegouse ata  A Pontenova, onde recoñeceu e agradeceu o traballo das organizadoras do evento, que ultiman os preparativos para unha xornada festiva arredor da música tradicional.

A xornada comezará ao mediodía  cunha actuación de Branca Villares sobre Os Maios. Despois haberá unha sesión vermú con A Chocolateira e ás 14.00 horas terá lugar unha homenaxe aos gaiteiros da contorna do Eo e dos Oscos.

A actividade continuará durante a tarde, con billarda e xogos tradicionais a cargo de Troitas Bravas e Xotramu, unha actuación de Paco Nogueiras -para público inafntil – e a actuación de Toxo Queimado.

A xornada concluirá coa actuación da banda De Ninghures,  un dos novos  valores da música en galego, recentemente recoñecida co premio aRi[t]mar á mellor canción galega co seu tema Morena.

Iria Castro puxo en valor “o traballo do asociacionismo cultural na promoción da música tradicional”  e mostrou o apoio da Vicepresidencia da Deputación de Lugo a estes eventos que “demostran o dinamismo da nosa cultura e da nosa tradición, que involucra cada máis á mocidade”.

A Praza dos Fornos contará tamén cun mercadiño de artesanía, xoiería e alimentación de produtoras e produtores da zona. A organización invita tamén a traer comida para tomala na contorna da Praza e do río, e pasar a xornada completa na Pontenova.

foliada chocolateira