Benestar Social e Igualdade
Deputación de Lugo

O Presidente resalta en Monforte o papel da saúde mental na sanidade pública nunha nova conferencia do programa Xunt@s da Deputación

programa Xunt@s
Emprego
José Tomé abriu este mércores a charla que tivo lugar no Centro Cívico monfortino e que impartiu Laureano Negrón Blanco, xerontólogo no HULA cunha ampla experiencia no ámbito do envellecemento activo e saudable

O mandatario provincial destacou o balance positivo da programación, que chegará a 25 concellos lucenses ata xuño: “a saúde, o acceso á información e á formación, ou a unha oferta de ocio de primeiro nivel son dereitos de todos os veciños e veciñas, con independencia da súa idade e do lugar no que residan”, subliñou

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, abriu este mércores no Centro Cívico de Monforte de Lemos a conferencia Envellecer de forma activa, enmarcada no programa Xunt@s que a institución provincial está desenvolvendo pola provincia dende principios de ano. Unha charla á que asistiu numeroso público, e que foi impartida por Laureano Negrón Blanco, xerontólogo no HULA.

José Tomé deu a benvida aos participantes e destacou o nivel da conferenciante, cunha ampla experiencia no ámbito do envellecemento activo e saudable. “O programa Xunt@s quere servir de altofalante para que o traballo que fan persoas como Laureano Negrón chegue a máis sectores da sociedade e nos axude a asumir hábitos, de conduta e de actitude, que favorezan o envellecemento saudable, tanto no eido físico, como no que respecta á saúde mental, á que cada vez temos que prestar maior atención”, subliñou.  

“Hoxe vivimos máis tempo, e debemos procurar que ese tempo teña sempre calidade de vida. Con este obxectivo traballamos cada día dende o Concello de Monforte, e tamén dende a Deputación de Lugo, para proporcionar servizos públicos de calidade que favorecen o benestar das persoas. Como se adoita dicir: darlle anos á vida e vida aos anos”. Neste obxectivo, recalcou Tomé, “é imprescindible apostar por unha sanidade pública, gratuíta, de calidade e verdadeiramente universal. Unha sanidade que chegue por igual a todos e todas os veciños, vivan no urbano ou no rural, porque, se os centros de saúde ou os hospitais non teñen o cadro de persoal co que foron pensados, sofre a saúde das persoas e sofre o persoal sanitario, obrigado a traballar de máis”. 


O mandatario provincial resaltou o balance positivo que está a ter o programa que impulsa a institución provincial, que chegará a 25 concellos lucenses ata xuño: “a saúde, o acceso á información e á formación, ou a unha oferta de ocio de primeiro nivel son dereitos de todos os veciños e veciñas, con independencia da súa idade e do lugar no que residan”.

A Deputación destina un total de 91.000€ ao programa Xunt@s, que está organizado da man dos concellos. Consiste nunha serie de 125 xornadas temáticas gratuítas, que se celebrarán ata xuño por toda a provincia, e que teñen que ver coa saúde, co deporte ou coas novas tecnoloxías. 

Calendario do mes de xuño
Para o vindeiro mes de xuño as sesións previstas por concellos son as seguintes:

Láncara
Todos os xoves, de 18:00 a 19:00 horas, Exercicio físico e saúde. Edificio Polifuncional Pobra de San Xiao.

Castro Rei
3/06/2024 - 17:00 horas. Xordeira e inestabilidade. Escola Unitaria da Ponte de Outeiro (A Barxela-Castro de Rei). A cargo de Andrés Soto Varela, xefe do servizo ORL do Hospital Universitario de Santiago de Compostela.

Pol
5/06/2024 - 17:30 horas. Convivir coa diabetes. Centro Cultural de Mosteiro. A cargo de Manuel Botana López, especialista en Endocrinoloxía do Hospital Universitario Lucus Augusti.

Negueira de Muñiz
17/06/2024 - 11:30 horas. Envellecemento activo. Centro Social.

Navia de Suarna
19/06/2024 - 17:00 horas. Nutrición e hábitos saudables. Edificio Multiusos.

Quiroga
13/06/2024 - 19:30 horas. Exercicio físico e saúde. Salón de actos da Casa do Concello. A cargo de Rosendo Bugarín, médico de familia e académico numerario.

Ribeira de Piquín
18/06/2024 - 11:30 horas. Ameazas para a saúde no futuro. É bo vacinarse? Impartida por Raquel Barbosa Lorenzo, xefa da Unidade de Medicina Preventiva do Hospital da Mariña. Centro de día municipal.