Deputación de Lugo
Formación

A Deputación pon en valor o fomento de actividades físicas e intelectuais para lograr un envellecemento activo

O Deputado de Formación, Ensino e Economía do Coñecemento, Miguel Fernández, participou este venres na apertura das III Xornadas Universitarias Séniors que acolle a Facultade de Humanidades do Campus Terra durante todo o día

O Deputado de Formación, Ensino e Economía do Coñecemento, Miguel Fernández Méndez, asistiu este venres á apertura das III Xornadas Universitarias Séniors, que impulsa a Federación Galega de Asociacións Universitarias Séniors (FEGAUS) na Facultade de Humanidades do Campus Terra durante todo día.  

Fernández felicitou aos organizadores, ao Campus Terra, aos poñentes e ao alumnado, porque son “un exemplo de iniciativa e de curiosidade, calidades que non debemos perder en ningún momento das nosas vidas”. Así mesmo, puxo en valor o compromiso da institución provincial coas persoas maiores, coas políticas de benestar, de atención e de envellecemento activo, e a colaboración que mantén a Deputación coa Universidade pública.

“Fomentar a actividade intelectual, xunto co exercicio físico, é a mellor receita para acadar un envellecemento saudable. O feito de poder reflexionar nas aulas universitarias sobre as necesidades dun alumnado que entra nunha fase diferente da súa vida, permite acadar conclusións que axudan ao conxunto da sociedade –tamén aos responsables públicos– para seguir mellorando no deseño de políticas sociais pegadas ás demandas reais da poboación”, apuntou o Deputado.