Deputación de Lugo
Turismo

O Presidente participa na Festa da Cereixa, o Viño e o Aceite de Ribas de Sil, que celebra o seu 20º aniversario co apoio da Deputación

Ribas de Sil
Festa da Cereixa e do Aceite de Ribas de Sil
A institución provincial aumentou a súa aportación económica a esta cita, que ascende a 11.000€ a través do Plan Deputación 2024, para contribuír á promoción destes tres produtos insignia do concello

José Tomé Roca resaltou a importancia deste evento, que “é unha clara mostra do peso que o sector primario ten na nosa provincia, que impulsa o patrimonio gastronómico que temos, e que xera un impacto moi positivo na nosa economía”

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, participou este domingo na contorna da Praia Fluvial de Ribas de Sil na Festa da Cereixa, do Viño e do Aceite, unha cita que celebra o seu 20º aniversario co apoio da institución provincial.

José Tomé subliñou o compromiso firme da Deputación con esta festa, especialmente nesta edición, na que “incrementamos a nosa aportación económica ao Concello, que agora ascende a 11.000€ a través do Plan Deputación, co fin de potenciar a promoción destes tres produtos insignia desta zona”. Puxo en valor o Presidente o traballo levado a cabo polo Concello e os produtores nestes 20 anos de historia, pois conseguiron, “non só consolidar unha festa que hoxe atrae a milleiros de persoas para desfrutar do patrimonio de Ribas de Sil e do conxunto da Ribeira Sacra, senón tamén proxectar a identidade e calidade destes produtos”.  

Así mesmo, o mandatario provincial resaltou a importancia deste evento, que “é unha clara mostra do peso que o sector primario ten na nosa provincia, que impulsa o patrimonio gastronómico que temos, e que xera un impacto moi positivo na nosa economía e no sector servizos que, durante dous días, ve considerablemente incrementado os seus ingresos”.  

Durante esta fin de semana, a Festa da Cereixa, do Viño e do Aceite de Ribas de Sil ofreceu un amplo programa de actos lúdico e festivos, con degustacións de cereixas e produtos típicos da comarca, exposición de pintura e actuacións musicais. Ademais, as persoas que se achegaron estes días á localidade puideron visitar os dous museos do Xeoparque (CIMAR e CIRS), e ver a alfombra floral do Corpus Christi no atrio da igrexa.