Deputación de Lugo
Infraestruturas

A Deputación adxudica en Cervo os traballos para mellorar con 400.000€ a estrada de Río Covo a Vilaestrofe

REDE DE ESTRADAS PROVINCIAIS
Cervo
Estes traballos, que contan cun prazo de execución de 9 meses, afectarán a case 3 quilómetros, desde o inicio da LU-P-1503 ata o punto quilométrico 2,6 e consistirán na mellora da drenaxe, no ensanche da vía, a pavimentación e a sinalización

A Xunta de Goberno aceptou ademais ser beneficiaria dunha axuda de máis de 170.000€ de Fondos Feder para desenvolver un proxecto que busca mellorar o ecosistema económico do sector agroalimentario na provincia

A institución provincial achegará máis de 30.000€ ao Concello do Valadouro, no marco do programa ...E para vivir Lugo, para a posta en marcha dun espazo piloto e compartido para os produtores locais que dinamice a economía local

A Xunta de Goberno da Deputación de Lugo aprobou este venres a adxudicación, por un importe de preto de 410.025,27€, as obras de acondicionamento da estrada LU-P-1503, que vai dende Río Covo, por Trasbar, a Vilaestrofe. Así o informou a Voceira socialista do Goberno, Pilar García Porto, quen sinalou que estes traballos, que contan cun prazo de execución de 9 meses, desenvolveraos a empresa Fevisa Vías y Obras SL e afectarán a case 3 quilómetros, desde o inicio da estrada ata o punto quilométrico 2,6.

Detallou que as obras consistirán na reapertura das cunetas e no ensanche en varios tramos da calzada ata chegar a acadar nalgún punto os 5,75 metros, o que permitirá garantir unha maior seguridade para o paso de dous vehículos. Botarase sobre a calzada unha base de zahorra para regularizar o firme, e logo, aglomerado en quente. Os traballos finalizarán coa sinalización e pintado mediante marcas viais reflexivas brancas. A adxudicataria comprometeuse ademais a mellorar a actuación coa dotación de cunetas triangulares, revestidas e rebasables de 100 metros; aumentando o prazo de garantía en 3 anos por riba do obrigado.

“Esta é unha actuación moi importante porque esta vía enlaza coa estrada provincial LU-P-1502, e sirve de acceso a múltiples servizos, porque comunica co concello de Burela e o Hospital Público da Mariña; cos campos de fútbol da Granda, en Rúa; e o da Chá, en Vilaestrofe; así como co Miradoiro de Monte Castelo”, relatou García Porto.

Medidas para loitar contra o reto demográfico

Ademais a Xunta de Goberno aprobou tamén novas medidas na loita contra o reto demográfico. Por unha banda, a institución provincial aceptou ser beneficiaria dunha axuda de máis de 173.817,46€ procedente dos Fondos Feder e que servirá para impulsar un proxecto que lidera a Deputación de Córdoba e ó que nos adherimos o ano pasado co obxectivo de mellorar o ecosistema económico do sector agroalimentario.

En concreto esta iniciativa -á que a Deputación de Lugo fará unha achega de preto de 58.000€ para acadar un orzamento total de 231.756,63€- pretende mellorar a eficacia e o carácter inclusivo dos mercados de traballo e o acceso ao emprego de calidade mediante o desenvolvemento de infraestruturas sociais e a promoción económica.

Ademais da Deputación de Córdoba e a de Lugo, nesta iniciativa participan tamén as deputacións de Cádiz e Cáceres, a Fundación Europea para a Innovación e o Desenvolvemento Tecnolóxico INTEC e a Federación de Cooperativas de Andalucía.

...E para vivir Lugo

García Porto informou tamén que no que ten que ver coas medidas para a loita contra o reto demográfico, “sacamos adiante a listaxe de beneficiarios do programa ...E para vivir Lugo, que como sabedes é un plan piloto de axuda integral ás persoas que decidan irse a vivir ao rural e que puxemos en marcha con fondos que a Deputación conseguiu da Unión Europea”. En concreto, a Xunta de Goberno aprobou 12 solicitudes dunha liña de axudas dotada con un total de 40.000€, para plantar 43 hectáreas de diferentes variedades de trigo autóctonas e Physalis nos concellos da provincia de menos de 5.000 habitantes. 

En concreto, é unha liña axudas por un importe conxunto de 40.000€ para incentivar e impulsar diferentes variedades de trigo autóctonas e Physalis nos concellos de menos de 5.000 habitantes. Aprobamos 12 solicitudes para cultivar na provincia un total de 43 hectáreas.

Colaboración co Concello do Valadouro

Tamén no marco do programa ...E para vivir Lugo a Deputación deu o visto bo a unha colaboración co Valadouro –un dos concellos pilotos do proxecto- para a posta en marcha dun espazo compartido para os produtores locais. A actuación consistirá no acondicionamento dunha aula para facer unha sala de envasado de produtos vexetais e o seu equipamento e o acondicionamento dun faldón da cuberta da escola de agricultura ecolóxica. A institución investirá para esta actuación un total de 32.535€ e o Concello do Valadouro cofinanciará o proxecto con outros 3.769,99€.