Medio Rural e do Mar, Mocidade
Deputación de Lugo

Arranca o programa “Da Escola á Granxa” organizado pola área de Rural da Vicepresidencia da Deputación

DA ESCOLA Á GRANXA
DANIEL GARCÍA
Escolares do Martínez Otero de Foz participaron no día a día de SAT Lodos e Pérez, unha granxa familiar de gando vacún de leite situada no concello da Pastoriza

Daniel García: “estas visitas permiten que as nenas e nenos, incluso aqueles que viven no rural, teñan un coñecemento próximo á realidade do noso agro, valorizando as nosas producións e o orgullo de emprender proxectos e iniciativas no rural”

A área de Rural da Vicepresidencia da Deputación de Lugo impulsar a terceira edición do programa “Da Escola á Granxa”. Dende a aprobación da listaxe de beneficiarios pola Xunta de Goberno da Deputación de Lugo, o pasado 21 de maio, puideron gozar deste programa escolares de 10 grupos de alumnos e alumnas de educación infantil e primaria de centros escolares da provincia de Lugo.

Un deles foi o estudantado do Colexio Martínez Otero de Foz, que visitou a granxa SAT Lodos e Pérez,situada na parroquia de Pousada, na Pastoriza. Durante unha xornada nas actividades diarias desta granxa familiar de gando vacún de leite en extensivo, con recría en semi-intensivo e sistema de muxido robot.

O deputado de Rural Daniel García participou na visita, na que o alumnado puido colaborar na alimentación dos animais e participou nas tarefas de aleitar con biberón ás crías, probaron o leite fervido producido na granxa e percorreron os corredores coñecendo cada unha das instalacións. Ademais, as nenas e nenos recibiron tamén un exemplar do libro “Os Bolechas. Da Escola á Granxa”, que a área de Rural edita con Bolanda, como material didáctico que lle proporciona contido ao programa.

Daniel García destacou que “estas visitas permiten que as nenas e nenos, incluso aqueles que viven no rural, se acheguen á gandería e á agricultura desde unha nova perspectiva, a través de persoas que transmiten un gran entusiasmo polo que fan e que amosan a importancia que o sector primario ten na actividade económica, pero tamén na produción de alimentos de calidade e na fixación de poboación”.

A granxa familiar SAT Lodos e Pérez é unha das 34 granxas e proxectos de emprendemento no rural, 5 máis que na pasada edición, que participan no programa Da Escola á Granxa:  granxas, pequenas producións agrarias e obradoiros alimentarios das distintas comarcas, con actividades diversas,  desde a produción de froita e produtos de horta ata a cría de gando vacún, ovino, porcino celta, cabrún, avícola ou cabalar ou a elaboración de queixos e marmeladas.

En total desenvolveranse 129 actividades, entre as que se atopan 30 obradoiros e 99 visitas, e 51 son as ANPAS beneficiarias