Deputación de Lugo
Medio ambiente

A Deputación impulsa a participación na xestión da Reserva de Terras do Miño, que aproba o Plan de Xestión para os próximos 10 anos

Terras do Miño
Reserva da Biosfera
O Deputado de Promoción Económica e Social presidiu as sesións dos órganos reitor e participativo celebrados este martes en San Marcos e que sacaron adiante o documento definitivo das actuacións prioritarias neste espazo natural para o período 2024-2034

A asociación cultural e deportiva A Fortaleza Sport, o club de marcha nórdica Nordic Walking Lugo e a asociación de veciños de San Cosme de Nete son as novas integrantes do órgano participativo que xa supera as 60 entidades

O Deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, presidiu este martes no Salón de Actos do Pazo de San Marcos os órganos reitor e participativo da Reserva da Biosfera Terras do Miño, xestionada pola institución provincial. O encontro serviu, entre outras cuestións, para a incorporación de tres novos membros ao órgano de participación, superando as 60 entidades, e para a aprobación definitiva do Plan de Xestión da Reserva para o período 2024-2034.

Na reunión, Pablo Rivera anunciou a incorporación de tres novos membros nos órganos participativos da Reserva logo de que as solicitudes de ingreso foran aprobadas polo órgano reitor. Desta maneira, incorpóranse a asociación cultural e deportiva A Fortaleza Sport, o club de marcha nórdica Nordic Walking Lugo e a asociación de veciños de San Cosme de Nete. Pablo Rivera valorou positivamente que xa sexan máis de 60 entidades as que integren o órgano de participación da Reserva Terras do Miño, “uns datos que non deixan de medrar e que demostran o traballo constante que fai a institución provincial por involucrar o tecido asociativo na toma de decisións do desenvolvemento sostible do territorio”.

Ademais de Rivera Capón, tamén participaron o Deputado de Medio Ambiente, Carlos López; o Deputado de Formación, Ensino e Economía do Coñecemento, Miguel Fernández; e a Deputada de Muller e Igualdade, Marisol Morandeira; así como de técnicos provinciais da área de Medio Ambiente.

Así mesmo, o Deputado informou ao órgano participativo de Terras do Miño da proposta definitiva do novo Plan de Xestión da Reserva para o período 2024-2034, logo da fase de exposición pública e a consulta técnica a través das mesas sectoriais. Un plan que determina as actuacións prioritarias nas que este espazo natural centrará o seu traballo durante os próximos 10 anos e que contará con fondos propios da Deputación dun total de 1,3M€ para o período comprendido entre o 2024 e o 2034.