Deputación de Lugo

A Deputación colabora con 30.000€ para a Romaxe Viquinga do Vicedo que se celebrará o 26 e 27 de xullo

O Vicedo
Romaxe Viquinga do Vicedo
Presentación da Romaxe Viquinga do Vicedo
- O Deputado de Medio Ambiente participou este mércores na presentación desta cita que chega este ano á sétima edición e que recrea o desembarco normando e a loita contra as tropas do rei Ramiro I na praia de Area Grande

O Deputado de Medio Ambiente, Carlos López, participou este mércores na presentación da VII edición da Romaxe Viquinga do Vicedo 2024, que se celebrará os días 26 e 27 de xullo. No acto, que se desenvolveu na Casa da Cultura do Vicedo, sinalou que a Deputación de Lugo achega preto de 30.000€ para esta festa que recrea na praia de Area Grande o desembarco normando e a loita contra as tropas do rei Ramiro I na praia de Area Grande.

“A Romaxe Vikinga é moito máis que unha simple representación histórica. É unha celebración da nosa identidade, unha mostra de como a nosa terra foi e segue sendo un lugar de encontro e convivencia de culturas”, sinalou Carlos López. Destacou o impacto “positivo” que esta cita ten na economía local porque “este evento atrae a visitantes de todas partes, o que se traduce en beneficios para o comercio, a hostalería e o turismo”.

Nese sentido, o Deputado sinalou que na institución provincial “apoiamos este tipo de festividades que promoven o turismo de experiencias porque encaixan co modelo de turismo polo que apostamos. Un turismo de calidade, sostible e non masificado”, o camiño “para diferenciar a nosa oferta turística e atraer visitantes que buscan algo único e inesquecible”.

Participaron tamén na presentación o Alcalde do Vicedo, José Novo, e o ilustrador dos carteis e as camisetas da cita, Cristian Caruncho, entre outras autoridades. Un acto no que deron conta da programación deste evento; o xoves 25 haberá unha ruta explicativa sobre as orixes da romaría; o venres 26 terá lugar o pregón a cargo de Alfonso Agra e o sábado 27 será o día grande con actuacións e actividades aínda por definir.