Deputación de Lugo

O Presidente entrega tres hortos sementeiros adaptados ao Centro de Educación Especial de Santa María

José Tomé Roca
Cesión hortos
- José Tomé Roca estivo hoxe xunto co Deputado de Medio Ambiente no centro, onde subliñou que a Deputación achega este material para favorecer a creación dunha horta accesible para o alumnado e promover hábitos de traballo e coidado do medio natural

- “Os hortos que hoxe entregamos son ferramentas de aprendizaxe, de integración e de desenvolvemento persoal”, destacou o mandatario provincial, que engadiu que esta dotación redundará “no crecemento e na autonomía” dos escolares


O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, e o Deputado de Medio Ambiente, Carlos López, fixeron entrega este venres de tres hortos sementeiros adaptados ao Centro de Educación Especial de Santa María. A cesión de uso destes bancais será por seis anos, prorrogables a dez, e servirán para que o centro poida desenvolver un proxecto de horta ecolóxica.

“Os hortos que hoxe entregamos non só son bancais de madeira, senón que son ferramentas de aprendizaxe, de integración e de desenvolvemento persoal”, destacou o mandatario provincial, quen engadiu que esta dotación redundará “no crecemento e na autonomía” dos escolares. “Sabemos da importancia que ten para o CEE Santa María contar con espazos accesibles onde os seus alumnos e alumnas poidan participar neste tipo de actividades, porque este proxecto permitirá que o alumnado aprenda sobre agricultura ecolóxica, pero tamén sobre a importancia do coidado do medio natural e do traballo en equipo”.

Tomé Roca sinalou ademais que este proxecto “forma parte da ampla acción que impulsamos dende a Deputación de Lugo cos hortos urbanos do Rato, que poñemos a disposición da cidadanía de Lugo e dos concellos do arredor de forma gratuíta para o seu desfrute. Unha actividade de lecer, social e mesmo educativa que fomenta o tempo libre saudable, o interese pola agricultura ecolóxica e a concienciación no coidado do medio ambiente”.

Estes bancais, que están elaborados con madeira de pino tratado e dimensións de 148 centímetros de largo por 68 de ancho, están adaptados para persoas con mobilidade reducida e que a Deputación achega a centros de educación especial ou centros de atención a persoas maiores. Estes instrumentos están fabricados con madeira procedente de bosques sostibles e contan con pés desmontables e regulables para adaptar a súa altura.