Cultura
Deputación de Lugo

Unha conferencia do técnico del Prado e experto en Velázquez Jaime García-Máiquez afondou na importancia de “Sibila” na obra do mestre do barroco

REDE MUSEÍSTICA PROVINCIAL
MUSEO PROVINCIAL DE LUGO
IRIA CASTRO
sibila
Velázquez
A ponencia é parte das actividades divulgativas arredor da exposición temporal de “Sibila” no Museo Provincial de Lugo

O Salón de Actos do Pazo de San Marcos acolleu esta tarde unha conferencia de Jaime García-Máiquez, técnico do Museo del Prado e un dos maiores expertos na obra de Velázquez.

A ponencia, presentada pola deputada de Cultura Iria Castro e a directora do Museo Provincial de Lugo Aurelia Balseiro, inclúese dentro das actividades divulgativas organizadas arredor da exposición temporal no Museo Provincial de Lugo da obra “Sibila” do mestre do barroco, que centrou a exposición de García-Maíquez.

O técnico do Prado, supervisor de traslados de obras do museo madrileño a exposicións temporais, afondou na evolución da técnica pictórica de Velázquez ao longo da súa vida. Partindo de diferentes trazos da “Sibila”, debullou a evolución, aprendizaxe e influencias destacadas na obra de Velázquez.

A obra “Sibila” pode verse no refectorio do Museo Provincial de Lugo ata o 7 de xullo. O centro museístico ofrece visitas técnicas guiadas á obra os martes e venres ás 12.30 horas, baixo reserva previa no enderezo electrónico direccion@museolugo.org ou no teléfono 982.242.112. Ademais, poden concertarse visitas guiadas para grupos -como mínimo de 10 persoas - , noutros horarios.