Remata o simposio sobre a ensinanza da xeoloxía que se celebrou no Courel grazas á Deputación
![Clausura Simposio Clausura Simposio](/sites/deputacionlugo.org/files/2024-07/120724%20Clausura%20Simposio.jpeg)
- García Porto lembrou que a institución provincial achegou 20.000€ para a organización desta cita que reuniu no Xeoparque a 175 profesores de toda España que protagonizaron seis días de conferencias, mesas redondas, talleres e visitas
A Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, participou este venres na clausura do XXII Simposio sobre a Ensinanza da Xeoloxía que se celebrou nas Montañas do Courel grazas á Deputación de Lugo, que achegou 20.000€ para a súa organización á Asociación Española para a Ensinanza das Ciencias da Terra (AEPCT).
No acto, que tivo lugar no Auditorio de Quiroga, García Porto estivo acompañada polo Presidente do Xeoparque, Roberto Castro, e destacou “eventos como este, que chegan ao rural e son verdadeiras apostas para contribuír ao equilibrio territorial”.
Sinalou tamén a Deputada o compromiso da institución provincial co Xeoparque, lembrando que a Deputación “fomos a principal administración galega que traballou xunto cos Concellos de Quiroga, Folgoso do Courel e Ribas de Sil para conseguir a declaración de Xeoparque Mundial Montañas do Courel, o primeiro recoñecido en Galicia no ano 2019”. Unha colaboración que, segundo valorou, “evidenciamos apoiando iniciativas como esta que poñen en valor e difunden o enorme valor deste territorio”. Agradeceu tamén o labor dos docentes por inculcar a conciencia polo medio ambiente ás novas xeracións, sinalando que aínda que o patrimonio natural sexa un legado de séculos e que “pareza eterno”, “a súa fortaleza o fraxilidade depende dos coidados permanentes que cada xeración é capaz de prestarlle”.
“Penso que o exemplo deste simposio, e o éxito da fórmula do xeoparque, é un sinal de que imos polo bo camiño. De que a conciencia medioambiental non só se consolida, senón que crece ampliando os seus horizontes”, valorou.
O programa do XXII Simposio sobre a Ensinanza da Xeoloxía que tivo lugar estes días no Xeoparque do Courel contou cun amplo programa de actividades entre as que destacaron conferencias, mesas redondas, talleres e actividades culturais e lúdicas para 175 profesores especialistas de toda España interesados en cuestións de interese científico e didáctico que teñen que ver coa xeoloxía.