Medio Rural e do Mar, Mocidade
Deputación de Lugo

Abertas as inscricións para uncurso de iniciación á apicultura en Muras, impulsado pola Vicepresidencia da Deputación

apicultura
Casa do Mel
Muras
A formación, impartida pola Casa do Mel de Goente, é gratuíta e desenvolverase os días 20, 21, 27 e 28 de xullo

 A área de Rural, Mar e Mocidade da Vicepresidencia da Deputación de Lugo impulsa un curso de iniciación á apicultura en Muras. A Casa do Médico acollerá a parte teórica desta formación para persoas que queiran adentrarse na actividade, grauíta, que contará tamén cunha parte práctica, en Carelle, e que se desenvolverá os días 20, 21, 27 e 28 de xullo en horario de 9 a 14 horas. As persoas interesadas en asistir poden anotarse no enderezo electrónico casadomel@vodafone.es ou no teléfono 661.003.616.

Durante as xornadas abordaranse cuestións básica sobre a bioloxía do enxame, a saúde das abellas ou a colleita e comercialización de mel e outros produtos derivados. Estes coñecementos poderán complementarse cun segundo curso, en agosto, centrado na cría de raíñas de abella autóctona.

O deputado Daniel García sinalou que esta actividade, que conta coa colaboración da Casa do Mel de Goente e do Concello de Muras,  “está enmarcada dentro dun programa que ofrece formación en diferentes aspectos de interese para apicultoras e apicultores, desde a mellora do rendemento das producións melíferas ata fórmulas de manexo para protexer as abellas autóctonas da velutina”.

O alcalde de Muras Manuel Requeijo sinalou que "este programa da área de Rural complementa e reforza o apoio a esta actividade, que impulsamos desde o goberno municipal con outras iniciativas como a feira do mel de montaña que pon en valor a calidade de mel das producións locais e contribúe a ampliar as canles de comercializacion"

O programa comezou no mes de xuño e xa pasou por Vilalba, O Valadouro, Xove e Pantón. As vindeiras semanas achegarase tamén a Mondoñedo, Cervo ou Barreiros.

Iniciación á apicultura

Muras
Cría de raíñas con abella autóctona. 3,4,13,15 e 16 de agosto (9 a 14 horas). Local Municipal de Carelle

Cervo
Formas de manexo na colmea para a loita contra a velutina. 14 e 15 de setembro (de 9 a 14 horas). Museo do Mar de San Cibrao

Mondoñedo
Formas de manexo na colmea para a loita contra a velutina. 23 e 24 de setembro (de 9 a 14 horas). IES San Rosendo

O programa formativo complementa outras accións desenvolvidas pola área de Rural neste eido como o ciclo de xornadas técnicas sobre a velutina, que se desenvolveron en Barreiros, Lugo, Samos e Carballedo, divulgando contidos orientados a paliar a proliferación desta especie invasora, que está afectando á produción melífera e froitera e á biodiversidade coa colaboración da Asociación Galega de Apicultura