Deputación de Lugo

A Deputación destina preto de 30.000 euros para a celebración da Romaxe Viquinga do Vicedo

miguel fernández
Presentación da Romaxe Viquinga do Vicedo
- O Deputado Formación, Ensino e Economía do Coñecemento participou este xoves na presentación da sétima edición desta cita que se celebrará neste municipio o 26 e 27 de xullo

O Deputado de Formación, Ensino e Economía do Coñecemento, Miguel Fernández Méndez, participou este xoves na presentación da VII edición da Romaxe Viquinga do Vicedo 2024, que terá lugar neste municipio os días 26 e 27 de xullo e que conta cunha achega por parte da institución provincial de case 30.000 euros a través do Plan Deputación. Neste acto, que se realizou na sede da delegación da Xunta de Galicia en Lugo e contou cunha actuación musical a cargo da compañía Queiman e Pousa, tamén asistiron o Alcalde do Vicedo, Jesús Novo Martínez, e o Delegado da Xunta de Galicia en Lugo, Javier Arias Fouz. 

Fernández Méndez felicitou a todos os organizadores, voluntarios e participantes que fan posible este evento e subliñou que “o voso traballo incansable, a vosa paixón e dedicación son o alicerce fundamental que sostén esta celebración. Grazas a vós, O Vicedo transforma cada ano este anaco de historia nunha experiencia viva e inesquecible”.

Ademais, o Deputado provincial convidou a toda a veciñanza a achegarse durante a última fin de semana a esta cita e destacou que a “Romaxe Viquinga é un exemplo perfecto de como a cultura e a historia poden ser celebradas e vividas de forma dinámica e enriquecedora” e sinalou que “esta edición será un rotundo éxito para os veciños e visitantes que pasarán dúas xornadas inesquecibles”.

Ao igual que en anteriores ocasións, a programación inclúe numerosas actividades como o tradicional combate entre tropas cristiás e viquingas, a recreación do desembarco viquingo, concurso de traxes, obradoiros ou vodas, entre outras moitas iniciativas.