A Deputación achega 34.000€ a FEAFES para impulsar o desenvolvemento profesional das persoas que padecen problemas de saúde mental
- A través desta achega económica a entidade contratará a un profesional destinado a facilitar a inserción laboral dos usuarios a través dunha bolsa de prácticas
O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, asinou co presidente da Federación de Asociacións de Familiares e Persoas con Enfermidade Mental de Galicia (FEAFES), José Ramón Girón García, un convenio mediante o cal a institución provincial achega 34.000€ para colaborar co programa de intermediación laboral e prácticas laborais que ofrece FEAFES. Esta iniciativa vai dirixida ás persoas que padecen problemas de saúde mental, un colectivo que sofre importantes dificultades para acceder ao mundo empresarial.
Este proxecto pon a disposición dos usuarios e usuarias un servizo de inserción laboral específico que ten en conta as súas características e dificultades e que se centra principalmente na intermediación laboral e na realización de prácticas. O obxectivo é tratar de promover o desenvolvemento profesional das persoas con problemas de saúde mental a través da aprendizaxe en situacións laborais reais.
Nesta liña, FEAFES Galicia pretende por unha banda, detectar e crear novas posibilidades de ocupación que faciliten o acceso deste colectivo ao mercado laboral, ao tempo que trata de eliminar os prexuízos existentes na sociedade sobre as capacidades profesionais e produtivas das persoas con problemas de saúde mental.
Concretamente, a través desta achega económica que realiza a Deputación de Lugo FEAFES contratará a un profesional que realizará tarefas de prospección no mercado de traballo para persoas que padecen problemas de saúde mental que residan na provincia de Lugo. Ademais, esta colaboración tamén permitirá a inserción laboral de persoas que padecen problemas de saúde mental a través dunha bolsa de prácticas.
Este programa diríxese ás persoas con problemas de saúde mental inscritas no Servizo de Inserción Laboral en situación de desemprego e fomenta o desenvolvemento de acordos con empresas. Así mesmo, sensibiliza sobre a igualdade de oportunidades de acceso ao emprego ou forma dentro da empresa a persoas traballadoras en sectores especializados. Ademais, os usuarios poden aplicar as súas competencias e capacidades na práctica real dun traballo, aumentar a súa capacidade profesional e enriquecer o seu currículo, entre outras cuestións.
FEAFES
A Federación de Asociacións de Familiares e Persoas con Enfermidade Mental de Galicia é unha entidade sen ánimo de lucro creada no 1995 co obxectivo de actuar como representante dos dereitos e necesidades do movemento asociativo das persoas con problemas de saúde mental. Na actualidade está integrada por 12 asociacións distribuídas por toda a xeografía galega. Saúde Mental FEAFES conta cunha sede, en Santiago de Compostela, e catro delegacións en Ourense, Pontevedra, Lugo e A Coruña.