Deputación de Lugo

A Deputación acolle en San Marcos unha mesa redonda sobre igualdade e deporte feminino

Igualdade
deporte feminino
O Pazo de San Marcos celebrou esta mañá unha xornada que se enmarca no programa Unha tripla pola igualdade, impulsado pola institución provincial, con mulleres referentes en disciplinas deportivas como voleibol, fútbol, baloncesto e atletismo

A atleta Nuria López, a futbolista Asia Antón, a baloncestistaArantxa Novo, a xogadora de fútbol sala Area Loureiro e a xogadora de voleibol Talita do Nascimento compartiron cos asistentes as súas experiencias persoais para chegar a elite

A Deputada de Muller e Igualdade deu a benvida aos participantes que se reuniron no Salón de Actos e sinalou que a iniciativa da Deputación aproveita o poder transformador do deporte, que é “o espello no que se miran centos de miles de persoas”

A Deputada de Muller e Igualdade, MarisolMorandeira, deu esta mañá a benvida aos participantes dunha mesa redonda sobre igualdade e deporte feminino que tivo lugar no Pazo de San Marcos. A cita, que se enmarca no programa Unha tripla pola igualdade impulsado pola institución provincial para visibilizar, apoiar e fomentar o deporte feminino, contou con mulleres referentes en disciplinas deportivas como voleibol, fútbol, baloncesto e atletismo.

“Celebrada xa a parte competitiva do programa e tamén as visitas escolares das xogadoras do Ensino a centros da provincia; esta mañá queremos abrir un espazo de debate da man de mulleres referentes”, explicou a Deputada. “O deporte ten un gran poder para transmitir valores e transformar a sociedade, porque é o espello no que se miran centos de miles de persoas”, engadiu.

A atleta Nuria López, a futbolista Asia Antón, a baloncestistaArantxa Novo, a xogadora de fútbol sala Area Loureiro e a xogadora de voleibol Talita do Nascimento, moderadas pola xornalista Sara Meijide, compartiron cos asistentes as súas experiencias persoais para chegar á elite.

Valorou Morandeira que moitas veces “detrás das mulleres deportistas hai historias incribles” porque “se calquera persoa ten que facer uns sacrificios enormes para chegar a elite do deporte, as mulleres teñen que sortear ademais toda unha serie de obstáculos sociais e estruturais enormes”. Nese sentido mencionou as diferencias salariais, a menor visibilidade pola baixa cobertura mediática, os estereotipos de xénero, a falta de infraestrutura e apoio, a discriminación e o acoso, as presións sobre a imaxe corporal, ou a dobre xornada entre a parte deportiva e a persoal.

Sinalou que na Deputación “cremos que o deporte pode ser un gran aliado para seguir avanzando en igualdade e por iso organizamos este tipo de actividades. Porque é importante coñecer e falar destas cousas, para poder crear conciencia na sociedade e seguir presionando entre todos para non dar pasos atrás”. Detallou a Deputada tamén que desde o Goberno provincial “temos o compromiso de aplicar a perspectiva de xénero en toda a nosa acción política, porque queremos avanzar nesa senda cara unha sociedade máis igualitaria e máis xusta”.