O Presidente inaugura a mostra A Galicia inédita destacando o papel do fotoxornalismo na creación de pensamento crítico
O mandatario provincial subliñou que a mostra “é un chamamento a frear o noso vertixinoso consumo de imaxes e a recuperar a capacidade de observar e reflexionar”, así mesmo puxo o foco en que “esta exposición reivindica a pluralidade, a convivencia e a diversidade, amosándonos os diferentes xeitos de ser galegos e galegas, ou de estar en Galicia”
A Galicia inédita: unha ollada diferente sobre o fotoxornalismo galego estará exposta ata o 10 de novembro. Conta con 73 imaxes acompañadas por textos e asinadas por fotoxornalistas e xornalistas de Galicia, que capturan diversos aspectos da nosa realidade social, económica e política
O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, inaugurou este venres na Praza de San Marcos a exposición fotográfica A Galicia inédita: unha ollada diferente sobre o fotoxornalismo galego. Este proxecto, organizado pola Asociación de Periodistas de Galicia (APG) e o Colectivo Profesional de Fotoxornalistas de Galicia, chega a Lugo da man da Deputación e permanecerá exposto ata o 10 de novembro.
Durante a inauguración, José Tomé estivo acompañado pola presidenta da Asociación de Periodistas de Galicia, María Méndez, o fotoxornalista lugués Pepe Álvez, e o comisario da mostra, Fernando Blanco. O mandatario provincial subliñou o papel fundamental do fotoxornalismo na creación de pensamento crítico, afirmando que esta exposición “ofrécenos perspectivas novas e únicas sobre a realidade galega”.
O Presidente eloxiou á Asociación de Periodistas de Galicia por esta iniciativa e agradeceu aos fotoxornalistas o seu magnífico traballo, destacando que, “eles que a diario nos presentan as imaxes que contextualizan a actualidade, nesta ocasión deciden ficar naquelas cuestións que pasan máis inadvertidas, naquilo que merece ser captado e apreciado”.
O mandatario provincial animou á cidadanía a visitar a mostra e contemplar este traballo, pois “é un chamado a deter o noso vertixinoso consumo de imaxes e a recuperar a capacidade de observar e reflexionar.” Ademais, enfatizou que “esta exposición reivindica a pluralidade, a convivencia e a diversidade, mostrándonos os diferentes xeitos de ser galegos e galegas ou de estar en Galicia.”
Así mesmo, Tomé valorou a coincidencia da mostra coas festas de San Froilán, un momento propicio para sentir a comunidade, compartir experiencias e romper coa rutina. “A Galicia inédita invítanos a mirarnos sen prexuízos, con retranca, e a recoñecer o valor do noso pasado, presente e futuro como galegos, reafirmando a importancia de cultivar unha sociedade crítica e tolerante,” concluíu.
O mellor do fotoxornalismo galego a través de 73 imaxes e textos
A exposición, que xa acadou case 12.000 visitas en Santiago de Compostela e que estivo presente tamén nas cidades de Pontevedra, Ourense, A Coruña e Ferrol, chega agora a Lugo por iniciativa da institución provincial. O público poderá gozar en San Marcos das súas 73 imaxes, asinadas por fotoxornalistas que traballan en Galicia, complementadas con textos doutros tantos xornalistas que tamén desenvolven o seu labor na nosa comunidade.
As fotografías que se expoñen na mostra van máis aló da capacidade creativa dos seus autores e da instantánea de actualidade, con obras que plasman moi diferentes aspectos da nosa realidade social, económica e política, dende a vertente máis dura ou crúa como lumes forestais, narcotráfico, conflitos laborais, ata as manifestacións artísticas, culturais e festivas galegas. Pero tamén, o espazo expositivo inclúe imaxes que reflicten a beleza paisaxística ou a xeografía humana da comunidade.
A Galicia inédita xurdiu dos encontros previos entre a Asociación de Periodistas de Galicia e o Colectivo Profesional de Fotoxornalistas, ambos co obxectivo común de dar visibilidade e poñer en valor a grande calidade que atesouran moitos traballos dos reporteiros gráficos, sen perder o nexo de unión cos profesionais do xornalismo que ilustran a diario os seus textos coas imaxes dos primeiros.
Éxito da mostra por toda Galicia
Na inauguración, a presidenta de APG, María Méndez, afirmou que a exposición chega a Lugo “co mesmo afán que lle levou a iniciarse en Santiago de Compostela hai cinco meses, levar a cada recuncho da nosa comunidade unha mostra do que facer e do sentir dos nosos xornalistas e gráficos, aínda que desta volta, lonxe do papel ou das pantallas, as súas obras gráficas e literarias quixeron baixar a pé de rúa con escenas inéditas para azuzar a nosa curiosidade, e con outras que, non por coñecidas, deixan de guiarnos cara á fantasía”.
Pola súa banda, Pepe Álvez fixo un percorrido pola evolución do sector da prensa gráfica en Galicia, dende os seus comezos hai uns corenta anos, ata hoxe: “a verdade é que se ten avanzado moito, xa que daquela se lle daba unha importancia relativa á parte gráfica, era algo secundario e mesmo nas asociacións de Prensa nin sequera admitían aos fotógrafos, mentres que agora os medios son conscientes de que as imaxes son fundamentais para a información, malia que, aínda queda moito camiño por percorrer”.
Por outro lado, o comisario da mostra, Fernando Blanco, agradeceu “a xenerosidade dos seus compañeiros, os fotógrafos que fixeron posible o fito histórico de xuntar a 73 dos algo máis de 100 profesionais gráficos que traballan neste momento na prensa galega, así como aos xornalistas polos textos que acompañan ás imaxes”. “Debido ao seu éxito, o que comezou sendo una única mostra en Santiago, vai chegando pouco a pouco a tódalas grandes cidades de Galicia, polo que agardamos que tamén o público de Lugo goce tanto das fotografías, como nós gozamos facéndoas”, concluíu Blanco.