Deputación de Lugo

A Deputación colabora co Día do Veciño que distingue ao Deputado de Medio Ambiente Carlos López

Día do Veciño
A Voceira socialista do Goberno, Pilar García Porto, presidiu o acto de presentación do encontro na Praza de San Marcos, no que participaron tamén p presidente da Federación de Asociación de Veciños Lucus Augusti, Jesús Vázquez e a Alcaldesa de Lugo, Paula Alvarellos, entre outras autoridades, e uns 40 membros do colectivo organizador

Esta cita conta cunha achega económica da institución provincial de 18.000€ á que engade un lote de produtos de proximidade para ofrecer aos 5.500 persoas que se reunirán este domingo no Pazo de Feiras e Exposicións de Lugo

García Porto destacou que a Deputación colabora co movemento veciñal en diferentes iniciativas en base ao convencemento de que “a participación cidadá é un cemento básico de calquera democracia” e pola súa “loita” para que a provincia non perda servizos

A Voceira socialista do Goberno provincial e Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, presidiu este martes na Praza de San Marcos a presentación dunha nova edición do Día do Veciño, que o vindeiro domingo, 20 de outubro, prevé superar o récord de participación con 5.500 asistentes no Pazo de Feiras e Congresos de Lugo. O encontro servirá para distinguir coa V do Veciño, entre outras persoas e entidades, a Carlos López, Deputado de Medio Ambiente e Alcalde da Fonsagrada. A Deputación colabora co Día do Veciño cunha achega de 18.000€ e un lote de produtos de proximidade para distribuír entre os asistentes.

O acto contou coa presenza do presidente da Federación de Asociacións de Veciños Lucus Augusti, Jesús Vázquez, a entidade impulsora do evento; a Alcaldesa de Lugo, Paula Alvarellos; e o Presidente Federación Galega de Comercio, José María Seijas, entre outras autoridades e uns 40 membros do colectivo organizador.

García Porto destacou “unha cita que medra ano a ano e que dá conta da fortaleza do movemento veciñal da nosa provincia. Unha fortaleza da que nos temos que sentir orgullosos, porque grazas a ela e ó seu carácter reivindicativo xa son moitas as conquistas”. Apuntou que a Deputación colabora co movemento veciñal en diferentes iniciativas en base ao convencemento de que “a participación cidadá é un cemento básico de calquera democracia”.

“Na vosa loita permanente porque esta provincia non perda servizos; porque non haxa veciños de primeira e de segunda; porque todos teñamos acceso á sanidade; á educación; aos coidados; ou ás novas tecnoloxías; sabedes que contades co noso compromiso”, destacou tamén a Deputada.

Pola súa banda, a Alcaldesa de Lugo, Paula Alvarellos, sinalou que “durante anos, este colectivo foi e é sinónimo de forza social, en beneficio dos nosos barrios pero tamén de loita por moitos dos avances que están detrás dun Lugo moderno, saudable, sostible e comunicado”. Destacou que “compartimos moitas desas reivindicacións que finalmente acadaron grandes avances”, e enumerou algúns como a modernización do transporte ferroviario, a mellora da conectividade no medio rural ou o servicio de 24 horas de Hemodinámica. “Son o sentir e a opinión de milleiros de veciños e veciñas de Lugo, ás que as administración temos a obriga de escoitar; coas que debemos dialogar e chegar ao consenso”, valorou Alvarellos.

V de Veciño

No Día do Veciño 2024 farase entrega das 25 V de Veciño, uns galardóns cos que a Federación de Asociacións de Veciños recoñecen o labor dun total de 25 persoas e entidades que destacan por desempeñar un papel protagonista en favor da dinamización e promoción da súa comarca e, polo tanto, da provincia. Este ano serán galardoados:

•    Antonio Villamarín, Comisario ex-xefe provincial do Corpo Nacional de Policía
•    María Mónica López, Secretaria da A.V Penedos do Zorro de San Miguel de Vilapedre
•    CMVMC Corva
•    MOEXMU
•    Confederación Hidrográfica Miño-Sil

•    María José Gómez Rodríguez, Conselleira de Medio Rural
•    Jesús Combarro Pereira, Director de Abanca Agro
•    Asociación do Barrio da Residencia
•    A.V. Santiago de Adelán, Alfoz
•    Asociación Cultural e Deportiva Lugdunum

•    Felipe Labrada, Alcalde do Corgo
•    Darío Aldegunde, miembro de la A.V. Milagrosa
•    Nicaso López, centenario
•    Manuel Escariz, xerente de Tragsa
•    Plataforma Lugo non quere cheiros
•    Carlos López, Deputado de Medio Ambiente e Alcalde da Fonsagrada
•    Marta Rouco, Alcaldesa de Vilalba
•    Jorge Bustos, Concelleiro de Xuventude e Deportes de Lugo
•    Miguel Ángel Fernández, Sacerdote