Deputación de Lugo

O Presidente participa na reunión do padroado da Fundación Universitaria Campus de Lugo

Fundación Campus
USC
CEL
Na xuntanza, da que tamén formaron parte o Vicerreitor lucense da USC, e o secretario xeral da Confederación de Empresarios de Lugo, aprobaron as contas anuais e a liquidación do plan de actuación da entidade para o curso 2023-2024

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, participou este martes na reunión ordinaria do padroado da Fundación Universitaria Campus Universitario de Lugo que se celebrou esta mañá no Pazo de San Marcos. A xuntanza contou tamén coa presenza do Vicerreitor de Organización Académica do Campus, Francisco Fraga López, e o secretario xeral da Confederación de Empresarios de Lugo (CEL), Jaime López Vázquez.

No encontro, designaron os cargos no seo do Padroado, co nomeamento dun representante da Cámara de Comercio de Lugo tal e como se establece no artigo 11 dos Estatutos Fundacionales. A maiores, analizaron e aprobaron a liquidación do plan de actuación e as contas anuais correspondentes ao curso académico 2023-2024, para o que a Deputación achega 170.000€ anuais. A maiores, a institución provincial concede anualmente unha subvención nominativa para impartir o máster en Dirección de Persoas Paulo Fabio por un importe de 12.000€, o que en suma, representa máis do 60% do orzamento da entidade.

A Fundación Campus é unha entidade que ten por obxectivo fomentar, promocionar e colaborar na consecución dos fins e obxectivos do Campus Universitario de Lugo a través da execución de actividades e poñendo os medios precisos. Existe un convenio entre ambas entidades para o funcionamento da Escola Universitaria de Relacións Laborais, un centro adscrito á USC.