Benestar Social e Igualdade
Deputación de Lugo

O Pazo de San Marcos acolle a presentación da nova web da Asociación de Dano Cerebral de Lugo coa que colabora a Deputación

Carlos López
adace
Presentación nova web ADACE
- O Deputado de Medio Ambiente participou este mércores na xornada organizada na sede provincial para o lanzamento da nova imaxe do colectivo social, no marco das actividades de conmemoración do Día Mundial do Dano Cerebral Adquirido

-A institución provincial destina unha achega anual de 12.000€ a ADACE Lugo que permitirá á entidade contratar un neuropsicólogo para o seu Centro de Día, garantindo así a atención especializada e de calidade para os usuarios e usuarias

O Deputado de Medio Ambiente, Carlos López, xunto á Presidenta Adace Lugo, Ángeles Rozas, participou este mércores na mesa redonda organizada no Pazo de San Marcos pola Asociación de Dano Cerebral (Adace Lugo) para presentar a nova páxina web do colectivo social, coa colaboración da Deputación. A xornada, que tivo lugar no Salón de Actos da sede provincial, serviu para presentar a nova imaxe do colectivo social, que agora substitúe a marca Adace Lugo por Dano Cerebral Lugo. Ao acto asistiron tamén a Subdelegada do Goberno en Lugo, Isabel Rodríguez; a Concelleira de Benestar Social e Maiores do Concello de Lugo, Olga López Racamonde; e outras autoridades e representantes de Adace Lugo.  

A Deputación colabora con esta asociación cunha achega de 12.000€ que renova cada ano. Esta axuda permítelle ao colectivo contratar a un neuropsicólogo que desenvolve diferentes terapias no centro de día e no servizo de atención ambulatoria da asociación, tanto para os afectados e afectadas de dano cerebral, como para os seus familiares. Os usuarios e usuarias reciben terapia individual, centrada na creación de estratexias para afrontar a vida diaria, así como terapias de grupo, onde participan en actividades destinadas ao desenvolvemento cognitivo.

As terapias para os familiares inclúen sesións individuais, grupais e psicoeducativas, co obxectivo de mellorar a calidade de vida do contexto familiar e fomentar a funcionalidade do fogar. Ademais, a asociación proporciona orientación e apoio, así como formación para os familiares e usuarios, para aumentar o seu coñecemento sobre o dano cerebral.

Case dúas décadas de actividade


ADACE Lugo fundouno no ano 2006 un grupo de familias coa intención de dar resposta ás persoas afectadas de dano cerebral. A asociación conta cun Centro de Atención Diúrna Terapéutica onde prestan rehabilitación específica para usuarios e usuarias en diferentes áreas: terapia ocupacional, logopedia, fisioterapia e psicoloxía. Ademais, atende ás familias prestándolles información, orientación, recursos e apoio social.