Deputación de Lugo

Os VII Premios Son Muller recoñecerán de novo o emprendemento feminino grazas á Deputación de Lugo

Premios Son Muller
Presentación dos Premios Son Muller
- A Deputada de Muller e Igualdade, Marisol Morandeira Morandeira, participou este luns na presentación dos galardóns que organiza a Asociación de Mulleres Empresarias da Provincia de Lugo. O prazo de inscrición está aberto ata o 28 de novembro

- Marisol Morandeira destacou que estes premios “son xa un símbolo no recoñecemento das emprendedoras da nosa provincia. Un distintivo que celebra o esforzo, a creatividade e o talentos de tantas mulleres da nosa terra”

- A institución provincial colabora cos VII Premios Son Muller, que se entregarán o vindeiro 13 de decembro no Círculo das Artes de Lugo, cunha achega económica de 3.500€

A Deputada de Muller e Igualdade, Marisol Morandeira Morandeira, participou este luns no Salón de Actos do CEI Nodus de Lugo, na presentación dunha nova edición dos premios Son Muller  que organiza a Asociación de Mulleres Empresarias da Provincia de Lugo (AELU). A institución provincial achega á entidade lucense 3.500€ para a organización deste evento, que cumpre xa coa sétima edición, e que se entregarán o vindeiro 13 de decembro no Círculo das Artes de Lugo. No acto de presentación tamén participaron a presidenta de AELU, Anjhara Gómez Rodríguez, e a directora territorial de ABANCA en Lugo, Zaira Dapena Castro, entre outras autoridades.
 
Marisol Morandeira destacou na súa intervención que estes premios “son xa un símbolo no recoñecemento das emprendedoras da nosa provincia. Un distintivo que celebra o esforzo, a creatividade e o talento de tantas mulleres da nosa terra, pero que tamén pon de manifesto a importancia de continuar avanzando en igualdade”. Nesta liña, a Deputada sinalou que “a día de hoxe, as mulleres continúan encontrando máis dificultades que os homes para o seu desenvolvemento profesional e, polo tanto, tamén para o seu éxito”. 

A Deputada aproveitou para felicitar á Asociación de Mulleres Empresarias da Provincia de Lugo pola labor que desenvolve ao longo de todo o ano, “un traballo constante de apoio, formación e asesoramento a todas aquelas mulleres da provincia de Lugo que apostan polo emprendemento”, subliñou. 

Marisol Morandeira tamén avanzou que a institución provincial mantén unha estreita colaboración coa entidade lucense impulsando  “diferentes iniciativas encamiñadas á capacitación, á formación e á creación de oportunidades para as mulleres emprendedoras porque somos plenamente conscientes de que ter un tecido asociativo forte é unha garantía para o futuro da provincia”.

A Deputada rematou a súa intervención animando a todas as empresarias e emprendedoras de Lugo a participar nestes galardóns “porque son a oportunidade perfecta para dar visibilidade ao seu traballo”. O prazo de presentación de candidaturas está aberto ata o xoves, 28 de novembro. As persoas interesadas en participar poden descargar o formulario de inscrición e consultar as bases desta sétima edición na seguinte lizagón: https://www.empresariaslugo.org/premios.