Deputación de Lugo

A Deputación destina 105.000€ en Taboada para a mellora de 7 vías municipais e a creación dun local social

José Tomé Roca
Taboada
Sinatura convenio Taboada
- O Presidente e o Alcalde asinaron un acordo de colaboración para acondicionar camiños en 7 parroquias do municipio e converter a antiga Casa Escola da parroquia de Meixonfrío nun local social

- Tomé Roca enmarcou este acordo “nun dos eixos que vertebran a nosa actividade, que é a a cooperación cos concellos da provincia”, e recordou que no ano 2025 a institución provincial achegará máis do 20% do Orzamento a esta liña de actuación

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, vén de asinar no Pazo de San Marcos un convenio de colaboración co Alcalde de Taboada, Roi Rigueira Agromartín, a través do que a institución provincial achega 105.000€ para que o Concello desenvolva varias actuacións coas que continuarán ofrecendo máis e mellores servizos aos veciños e veciñas do municipio. 

José Tomé enmarcou este acordo “nun dos eixos que vertebran a nosa actividade, que é a cooperación cos concellos da provincia. Nese sentido, desde a institución provincial ofrecémoslles recursos económicos para que poidan sacar adiante iniciativas e proxectos que beneficien á veciñanza”. O mandatario provincial recordou que “no ano 2025 a Deputación achegará máis do 20% do Orzamento a esta liña de actuación” e avanzou que “xa só ao Plan Deputación destinaremos 22M€”.

Por unha banda, inclúense preto de 75.000€ para realizar o acondicionamento e a mellora de 7 vías municipais. En concreto, os camiños que se van arranxar son: dous tramos do camiño de Bouzoa a Maxal, na parroquia de Bouzoa; o acceso a Faquios, na parroquia de Castelo; o vial que dá acceso a Casilla, na parroquia de Vilela; a mellora da pista que vai desde As Neves ata o límite municipal da estrada que vai a Monterroso por Sambreiro; os accesos á vila de Cadeiroás, na parroquia de Xián; o acceso en Zoás; na parroquia de Moreda e o arranxo da pista que une Friamonde e Couso, na parroquia de Insua San Xián. 

O paso do tempo e as inclemencias meteorolóxicas provocaron o deterioro do firme destes viais. Por iso, e co fin de darlle solución a esta situación e mellorar a seguridade vial destes tramos, as actuacións previstas consisten na mellora do pavimento e na limpeza de cunetas para facilitar a circulación das augas. O prazo de execución destas obras é de dous meses. 


Novo local social en Meixonfrío


Por outra banda, neste acordo de colaboración tamén se inclúen algo máis de 30.000€ para poñer en marcha un proxecto moi demandado polos veciños e veciñas de Taboada. Trátanse das obras que permitirán converter a antiga Casa Escola da parroquia de Meixonfrío nun local social. Nesta primeira fase as actuacións previstas consisten na rehabilitación da cuberta e no reforzo da estrutura para convertelo nun espazo de encontro onde realizar diferentes actividades.