A Deputación participa na presentación da feira nacional de deportes de contacto e artes marciais que se celebra esta fin de semana en Lugo
O Deputado de Medio Ambiente, Carlos López, participou este mércores no Hotel Forum Ceao na presentación da Dojo Arena, a feira nacional de deportes de contacto e artes marciais que se celebrará desde este venres ata o domingo no Pazo de Feiras e Congresos de Lugo. A Deputación contará cun expositor na feira co obxectivo de conmemorar o 25N, Día Internacional para a Eliminación da Violencia de Xénero, e de reivindicar a loita pola igualdade. Carlos López subliñou que a institución provincial “busca sensibilizar á cidadanía sobre a erradicación da violencia de xénero en todos os ámbitos, incluído o deporte, especialmente nun evento de ámbito nacional como este”.
O evento, que se presentou no Hotel Forum Ceao, reunirá grandes figuras do mundo das artes marciais e deportes de contacto, como Franco Tenaglia, César Alonso, Antonio Orden e Aitana Álvarez, entre outros, que ofrecerán seminarios e charlas especializadas ao longo da feira. Durante o evento, tamén se celebrarán dúas veladas destacadas: o venres, unha noite de boxeo, e o sábado, o Open Nacional de Kick Boxing, que contará con dez combates, incluíndo o título profesional FEKM do peso super pesado. Ambas as competicións, así como o resto do evento, serán retransmitidas en streaming a través das redes sociais oficiais de Dojo Arena.