A Deputación destaca a importancia da Enxeñaría das Telecomunicacións para o desenvolvemento rural da provincia no V ForoTelecos Galicia 24
O Deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, participou este venres no Hotel Mercure de Lugo na inauguración do V ForoTelecos Galicia 24 A telecomunicacións no rural, organizado polo Colexio Oficial de Enxeñeiros Técnicos de Telecomunicacións de Galicia (COETTGA). A institución provincial colabora con esta cita, que reuniu a numerosas autoridades e membros do COETTGA, cunha achega económica de 2.000€.
Na súa intervención, Rivera Capón puxo en valor o labor que desenvolven os enxeñeiros e enxeñeiras de telecomunicacións para o rural da provincia “que necesita profesionais coma vós, que non só ven o potencial, senón que o fan realidade. Hoxe, grazas a ese traballo, podemos dicir que o rural non está á cola da transformación dixital, senón que é un exemplo de resiliencia e de aposta polo futuro”.
A programación tamén incluíu, entre outras actividades, unha xornada formativa técnica e a entrega dos Premios Enxeño 2024. O Deputado provincial entregou o Premio Enxeño á Estratexia Comercial e Dirección de Equipos nas Telecomunicacións a Mª José Minguéns.