A Deputación de Lugo participa en Madrid na presentación dun proxecto pioneiro para potenciar o turismo nos encoros con fondos europeos
![](/sites/deputacionlugo.org/files/2024-12/181224%20Presentaci%C3%B3n%20proxecto%20Turembalses%20FEMP.jpeg)
A Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, participou este mércores en Madrid na presentación do proxecto colectivo que aproveitará os encoros como un recurso turístico grazas aos 700.000€ que conseguiu captar de fondos europeos. A sede da FEMP acolleu o acto que serviu para explicar aos medios de comunicación a iniciativa que consiste na creación dunha experiencia turística en torno aos encoros e a súa implantación nos territorios participantes.
A institución provincial contará con 127.500€ para desenvolver este proxecto que, entre outras cuestións, dotará ao turismo rural un elemento de diversificación e atractivo; dunha análise da oferta e da demanda innovadora en España; unha alternativa ao turismo azul diferente á costa; un observatorio turístico dixital; unha arquitectura de marca; ou unha plataforma web para aglutinar a oferta do territorio.
García Porto argumentou que no que ten que ver coa experiencia turística en augas de interior, a Deputación realizou un importante investimento en embarcadoiros e catamaráns para ofrecer un servizo turístico nos encoros da Ribeira Sacra. Unhas rutas fluviais que, segundo lembrou a Deputada, “superaron todas as expectativas en 2024 con preto de 61.500 viaxeiros”.
Dous dos obxectivos principais deste proxecto é o desenvolvemento sostible do rural, sobre todo nos territorios con baixa densidade de poboación e tamén o fomento da igualdade social en estas zonas rurais, facéndoas máis atractivas, xustas e sustentables. “Algo que concorda e encaixa perfectamente co noso modelo de turismo, porque na provincia de Lugo levamos anos apostando por impulsar unha oferta de calidade, sostible, e diferenciada, baseada nas experiencias”, valorou a Deputada.