O Presidente da Deputación sobre a inauguración dos viadutos do Castro: “O Goberno cumpre coa provincia”
O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, participou este luns xunto co Ministro de Transportes e Mobilidade Sostible, Óscar Puente, na inauguración das obras dos viadutos do Castro da A-6. O mandatario provincial puxo en valor que o Goberno central cumpriu cos prazos acometendo unha actuación “complexa” nun “tempo récord”, e tendo operativos todos os treitos a finais de ano.
“O traballo do Goberno do Estado é un exemplo de como abordar con seriedade e eficacia as necesidades que se presentan”, valorou Tomé Roca, para quen esta obra “tan complexa demostra o compromiso claro do Executivo central co desenvolvemento e a vertebración do noso territorio". Nese sentido destacou que “a reapertura do viaduto do Castro evidencia que o Goberno cumpre coa provincia de Lugo e con Galicia, actuando nun tempo récord nunha infraestrutura desta envergadura nunha orografía tan complexa”; asegurando que a recuperación da normalidade na conexión de Galicia e Castela e León, “o que é unha gran nova para todos para pechar este ano”.
Este luns reabríronse ao tráfico os tres carrís en sentido A Coruña e o segundo en sentido Madrid, quedando totalmente operativos os cinco carrís do tramo da autovía situado no quilómetro 430, no entorno das localidades de Vega de Valcarce (León) e Pedrafita do Cebreiro (Lugo). Un dos carrís da calzada en sentido Madrid púxose en servizo a finais do ano 2023, permitindo restituír o tráfico parcialmente, tras concluír en apenas sete meses a construción dos viadutos pequeno e mediano.
O viaduto aberto hoxe é o máis grande, con 14 vanos e 595,5 metros de lonxitude, e completouse tras 11 meses de obras.
Na visita do Ministro, participaron, entre outras autoridades, o Presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda; e o Presidente de Castela e León, Alfonso Fernández Mañueco.